Organizan un obradoiro en liña sobre sexualidade e consumo de pornografía
O servizo de prevención de condutas aditivas da agrupación de Concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade organiza un encontro online dirixido a nais, pais, educadores e outros perfís vinculados á educación. Este obradoiro, centrado na sexualidade e o acceso á pornografía, celebrarase o próximo 10 de febreiro de 2025 en horario de 17:30 a 19:30.
A formación será impartida por José Luis García, doutor en psicoloxía, sexólogo e autor de libros como ¿Hablemos de porno?: cómo educar a la Generación Porno en una sexualidad sana y respetuosa e Tus hijos ven porno, ¿qué vas a hacer?, ademais de colaborar no documental Generación Porno.
O obxectivo do obradoiro é ofrecer ferramentas para entender e abordar os principais riscos sexuais asociados a Internet, así como o impacto do consumo de pornografía en idades temperás. Entre os temas que se tratarán destacan a pornografía, os riscos do sexting e grooming, e o impacto de redes sociais como OnlyFans e TikTok.
As persoas interesadas poden inscribirse a través deste enlace, ou enviando un correo electrónico a prevenciondrogas@rabade.org. Para máis información, o servizo está dispoñible no teléfono 982 390 062.
Esta actividade busca sensibilizar e capacitar ás familias e educadores para fomentar unha sexualidade saudable e segura na mocidade, nun contexto marcado polos riscos asociados ao mundo dixital.