Órrea celebra este fin de ano a Festa de Santa Comba
A parroquia de Santa Comba da Órrea, no concello lugués de Riotorto realizará este próximo xoves, día 31 de decembro, a partir das 10.30 horas, e con motivo da Festa de Santa Comba, a súa segunda emisión de radio da historia. A emisora en liña, bautizada como Ondas Órrea, poñerá en antena virtual un programa que intenta facer posible que os veciños e as veciñas poidan verse e contribuír a que a parroquia, a pesar do despoboamento e da emigración masiva, siga existindo como tal.
Nun ano normal, a Festa da Santa Comba que se celebra o día de fin de ano, faría posible o reencontro das 49 persoas que viven actualmente nos 13 km2 da parroquia e dos emigrantes que puidesen achegarse. Dado que a situación sanitaria impide que a festa poida ter lugar, a Asociación de Veciños e Veciñas –igual que fixera xa na festa do verán, a grande– optou pola posibilidade dun programa de radio en liña que permita que a relación entre todas as persoas con algo que ver coa parroquia siga existindo.
O programa está concibido como un magazine no que participarán veciños e veciñas que durante todo o ano viven e traballan na Órrea. Pero tamén terán intervencións desde outros lugares do Estado e do estranxeiro emigrantes nativos da parroquia, nun intento de analizar o pasado, o presente e o futuro de Santa Comba da Órrea. Ao longo do programa contarase coa participación en antena de persoas que viven todo o ano na parroquia, de emigrantes que intervirán desde diferentes partes do mundo, e tamén dalgunhas persoas que coñecen os proxectos que se desenvolven en Santa Comba da Órrea e que mandarán os seus saúdos e comentarios. En total, agárdase que participen directamente no programa un total próximo ás 80 persoas, é dicir, practicamente o dobre das persoas que viven actualmente no seu territorio durante todo o ano.
A segunda experiencia radiofónica parroquial poderá sintonizarse na páxina de Facebook da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, así como en spreaker.com, a ferramenta en liña que fará posible a emisión. Nesta emisión estrearase, en rigorosa exclusiva, a Muiñeira da Órrea, composta en homenaxe á parroquia por un veciño aínda mozo.
A programación completarase cunha misa na honra da Santa Comba, oficiada polo padre Miguel Asoreia, e unha pequena sesión vermú no atrio da igrexa.
A PARROQUIA
A parroquia de Santa Comba da Órrea sitúase ao Sur do Concello de Riotorto, na cabeceira da comarca da Terra de Miranda accedendo a ela desde A Terra Chá. Trátase dunha parroquia moi extensa –uns 13 km2– pero na que viven de xeito permanente na actualidade só 49 persoas, cando na década dos anos 1960, por exemplo, contaba cuns 500 habitantes. O fluxo migratorio foi traumático particularmente nos dous últimos séculos, a América primeiro e a outros lugares do Estado e de Europa a partir dos anos 60 do século XX. Como sucede con outros lugares do rural galego, A Órrea necesita na actualidade da posta en marcha urxente de accións políticas que lle permitan fixar poboación.