Orzamentos da Xunta en Lugo para o 2024: así se reparten as partidas de Educación na provincia
Dende a oposición recriminan a falta de investimentos para mellorar os centros, así como as deficiencias do servizo de transporte escolar no rural, mentres que os sindicatos botan en falta a convocatoria de prazas para os docentes
Tras unhas contas marcadas pola dixitalización, a eficiencia enerxética e os idiomas, os tres grandes eixes que vertebraron a aposta da Administración autonómica durante todo o 2023 a busca da eficiencia enerxética, a dixitalización do sistema educativo e potenciar a Formación Profesional caracterizan os investimentos en materia educativa para o novo ano. As contías ascenden aos 2.976 millóns de euros, un 2,8 % máis con respecto ao exercicio anterior, por debaixo da media xeral, que medre nun 5 %.
Rehabilitación dos centros
As obras de rehabilitación e ampliación dos CIFP e dos IES lévanse máis de 32 millóns. Na provincia de Lugo, invístense en concreto 2.080.000 millóns de euros para a rehabilitación integral do IES Lucus Augusti e outros 406.400 euros para a rehabilitación integral de la Escola de Arte Ramón Falcón.
Unhas contías insuficientes para a oposición que lle recrimina á Xunta que non poña “un euro máis para manter os centros educativos nos orzamentos cando temos centros con 60 anos que nunca se cambiaron os baños por exemplo”, denuncia a deputada do BNG, Cristina Fernández Davila. É o caso de Guitiriz, onde botan en falta partidas orzamentarias para levar a cabo o arranxo do teito e do peche perimetral do pavillón do IES Díaz Castro e evitar así que entre auga nas pistas "É unha actuación imprescindíbel para mellorar", afirma Mónica Ares, portavoz municipal do BNG.
Mesmas cifras de docentes
A contratación do persoal docente non cambia. Galicia contará con 30.424 profesores durante o 2024, a mesma cifra que se rexistrou no ano anterior e que cae en 866 prazas se se compara coas contas do 2022. Aínda que está baixando a natalidade e non se suprimen postos de traballo, dende os sindicatos botan en falta a saída de novas prazas. “Son os mesmos postos que o ano pasado porque a nova OPE soamente é de reposición, para repoñer prazas de persoas que se xubilaron. No 2022 as únicas prazas que se publicaron foron as de consolidación, as que pasaban de ser traballo temporal a ser traballo permanente por así dicilo, pero este ano botamos en falta as de reposición do ano 2022 que non foron na convocatoria pasada”, explica Luz López secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO de Galicia.
Redución de ratios e do horario lectivo
Os orzamentos para o 2024 inclúen acordo de mellora da educación, firmado por CC.OO, ANPE e UGT, contemplando nas partidas os sexenios para premiar o esforzo dos docentes por formarse permanentemente, algo que “repercute positivamente no alumnado”, destacou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Tras o Consello da Xunta, estimouse nun máximo de 2.300 euros anuais o incremento salarial do profesorado. A redución dos ratios é outra das medidas clave deste pacto pola cal se pasa dos 25 alumnos por aula aos 20 en Infantil e Primaria, dos 30 aos 25 no cas da ESO e dos 33 aos 30 en Bacharelato.
A Confederación de Anpas Galegas valora moi positivamente a redución de ratios, unha medida que consideran urxente e “un punto de partida” e que ten que ser de carácter “universal en todo o sistema educativo galego non universitario”. Esta cuestión considerar fundamental para asegurar unha maior dedicación docente. “Non podemos que a atención á diversidade –que precisa sobre todo tempo de apoio para ser efectiva- estea invalidada polas ratios excesivas que padecemos”.
Atención á diversidade
O acordo entre a Xunta e algúns dos sindicatos de educación tamén pretende mellorar a calidade da educación entre os alumnos con necesidades de atención. Deste xeito, cada estudante cunha discapacidade recoñecida igual ou superior do 33 %, cun grao I de dependencia acreditada ou cun trastorno grave de conducta acreditada computará por dous a efectos de ratios na aula e de tres no caso de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 %, cun grao II ou III.
Dende a Confederación de Anpas Galegas recoñecen avances importantes no ensino en primaria, pero sinalan “eivas no paso a secundaria e, especialmente significativas, no ensino non obrigatorio”. Demandan ademais unha maior coordinación na atención das persoas co dereito xa recoñecido e establecer así un protocolo de actuación unificado dende infantil ata as probas da ABAU. “O propio sistema debería de encargarse de que a atención ao alumnado con necesidades de apoio fose un camiño continuado, no que cada chanzo se apoie no anterior dunha maneira coordinada”.
Educación no rural
O modelo educativo no rural continúa a ser motivo de debate. Dende a Federación de Anpas de Lugo piden un cambio de sistema para os colexios pequenos e evitar así que se concentren varios cursos na mesma clase. Un plan educativo específico mantense como unha demanda continuada en centros como o Ceip Ricardo Gasset do Incio, onde denunciaron que foron informados que durante este curso a especialista en pedagoxía terapéutica que estivo a tempo completo pasará a estar a media xornada. A Anpa leva anos “loitando por unha educación de calidade para as nosas fillas e fillos no lugar onde vivimos”, asegura a presidenta, Elvira Campo, e polo tanto manifestan que para asegurar a equidade non poden rexerse “polos mesmos parámetros á hora da dotación de recursos que nos centros con un número maior de unidades”.
A dispersión xeográfica condiciona a ensinanza en toda a comunidade e eleva deste xeito o custe dos servizos educativos. De feito, segundo un informe da Consellería, a Xunta de Galicia inviste un 43 % máis de promedio na ensinanza no rural de Lugo que no ámbito urbano. Isto supón que mentres a inversión media por alumno no rural é de 8.933 euros por alumno, na provincia ascende aos 11.050 euros. Porén dende a oposición, sosteñen que non se pode tomar coma unha desculpa: “O que teñen que facer é tomar medidas transversais, medidas políticas serias para que realmente non aconteza ese despoaboamento no rural”, sostén Fernández Davila.
Transporte escolar
O transporte tamén se encarece, fronte aos 833,5 euros por alumno que custa o servizo no rural galego ascende aos 1.294,3 euros, pero detectan unha falta de esforzo por mellorar neste eido. “Hai centros educativos que teñen bacharelato e o seu alumnado non pode chegar porque non existe nin transporte escolar nin público que os leve dende as parroquias ata o centro das vilas. Iso sucede en Salceda, unha das poboacións que máis medrou en alumnado e en nenos e non se está protexendo”, asegura a deputada nacionalista.
Nas contas para o 2024 diríxense 2.305.000 euros a financiar o transporte escolar e os comedores sociais, incrementando así en 405.076 euros os fondos destinados ás ANPAS e aos Concellos para sufragar estes servizos fronte ao curso académico 2022/23. Esta cantidade complétase coas partidas da Consellería de Mobilidade ata os 123,1 millóns de euros. Porén, o BNG insta ao Goberno da Xunta a revisar a ordenación das rutas de transporte escolar e as súas paradas, que ocasiona problemáticas para as familias e o estudantado. Así acontece na parroquia de Torés en As Nogais, que teñen adscrito o IES de Becerrá, pero que para dirixirse ao centro deben percorrer os 14 quilómetros ata As Nogais por unha estrada de montaña e logo facer transbordo para percorrer os 8 quilómetros que os separan de Becerreá.
O mal funcionamento do servizo tamén se estende á aldea de Milleirós, no Concello de Pol; á de Piñeira, en Ribas do Sil, así como nos concellos de Chantada, As Nogais, O Incio, Sarria ou Láncara, situacións denunciadas por Carmen Aira no Parlamento que esixía un servizo público en igualdade de condicións para os alumnos do rural galego. Estas situacións “chegan a condicionar a vida das familias” e supoñen una “clara discriminación” ás nenos e nenas do rural en relación cos das cidades, pois “durmen menos, van ao colexio máis cansos e pasan unha parte excesiva da súa vida dentro do autobús”.