Os 21 alcaldes reúnense co Goberno central para pedir solucións para a central térmica
Unha delegación dos 21 alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal e Terra Chá , encabezados por Valentín González Formoso, acompañado polos concelleiros Antonio Alonso e Ana Pena, xunto con representantes das asociacións empresariais pontesas, da asociación de transportistas e do comité de empresa, reuníronse, en Madrid, con representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica para trasladarlles as súas demandas na procura dunha transición enerxética xusta e a posta en marcha de políticas que permitan retomar a actividade produtiva da central térmica pontesa.
O rexedor ao término do encontro explicou que o Ministerio adquiriu o “compromiso de reunir, antes de que remate o mes, ás partes implicadas na resolución da actual situación da central térmica. Por unha banda, a dirección da instalación, que sabe cales son as súas necesidades para volver a estar operativa, e por outra banda o Ministerio, responsable da regulación do marco normativo e os mecanismos que poden reactivar a central”
González Formoso destacou a importancia desta reunión, na que tamén estará presente a comitiva que se trasladaba ata Madrid, xa que “é fundamental para desbloquear a situación de inactividade da térmica, defender a produción de enerxía eléctrica e garantir o futuro do municipio pontés, da súa economía e a de todos os concellos que se están a ver afectados por este parón na produción”
Por outra banda, o rexedor sinalou que durante este encontro lle solicitaron aos representantes do Ministerio de Transición Enerxética que arranquen de Endesa o compromiso de manter o emprego das empresas auxiliares ata que se resolva a situación.
O calendario de accións, encamiñadas a demandar ás distintas institucións e a Endesa a posta en marcha de medidas que permitan retomar de forma inminente a actividade produtiva da central térmica das Pontes e que contribúan ó mantemento da economía e do emprego vinculado, retomaranse o venres, 13 de setembro, ás 12.00 horas, en Santiago, diante da sede da Xunta de Galicia, cunha concentración que se suma os encerros, indefinidos, que desde onte leva a cabo Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón das Pontes no concellos de Ferrol, Vilalba e As Pontes.