Os 50 anos do CEIP Ramón Falcón

TerraChaXa
Este centro educativo da Terra Chá celebrará o próximo 31 de maio o medio século de historia cun programa de actos no que toman protagonismo as lembranzas pero tamén os proxectos de futuro
imaxe-antiga-colexio-ramon-falcon
11 May 2025

O 31 de maio será unha data moi especial para a comunidade educativa do CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei, que celebra o seu 50 aniversario. Medio século de vida escolar que será homenaxeado cun programa festivo e emotivo, cargado de simbolismo, memoria e ilusión polo futuro.

A celebración comezará ao redor das 12:00 horas, cando o centro abrirá as súas portas a todas as persoas que queiran visitarlo e reencontrarse cos corredores, aulas e espazos que marcaron a súa infancia. A visita non será guiada, pero o equipo docente estará presente para resolver dúbidas e acompañar aos antigos alumnos e visitantes.

A partir das 13:30 horas, a festa continuará cunha sesión vermú, que dará paso á comida popular. Pola tarde, os máis pequenos e maiores poderán gozar de animación infantil e música con monitores, así como doutras sorpresas, entre as que destacan sorteos de lotes doados por comercios locais que quixeron colaborar na celebración, ben con aportacións económicas ou materiais.

Este 50 aniversario chega nun momento cheo de reflexión sobre o camiño percorrido. O CEIP Ramón Falcón foi, noutro tempo, un centro que chegou a acoller preto de 800 alumnos. Na actualidade, o número descendeu ata os 59 escolares, un reflexo dos cambios demográficos no rural galego e das reestruturacións educativas. A súa creación coincidiu co peche de moitas escolas unitarias da contorna, centralizando a oferta educativa no centro. Non obstante, a posterior apertura doutros colexios, como o de Muimenta en 1991, e a reorganización do sistema educativo co paso de EXB a Primaria, fixeron minguar a matrícula.

SITUACIÓN ACTUAL

O colexio conta actualmente coas etapas de educación infantil e primaria, aínda que, por mor do número reducido de alumnado, existen aulas mixtas, como as de cuarto e quinto de infantil ou terceiro e cuarto de primaria. A previsión para o vindeiro curso é poder desdobrar algunhas delas, sempre pendentes da evolución demográfica. A directora do centro, María Toirán, que leva sete anos traballando nel —cinco como responsable—, sinala que durante ese tempo se pasou de 89 a 59 alumnos, unha baixada notable que marca o pulso do presente e do futuro do colexio.

Aínda así, o centro non perde nin o alento nin as gañas. O próximo ano está previsto que entren máis nenos dos que se van. Ademais, son dez docentes de centro e tres itinerantes, cun claustro novo, activo e moi implicado. Moitos dos profes veñen de Lugo ou Vilalba, aínda que algúns pertencían á zona. A comunidade educativa traballa man a man coas familias, creando un clima de confianza e colaboración continua. A ANPA, encabezada por Ana, desempeña un papel clave, coorganizando esta celebración dos 50 anos.

O CEIP Ramón Falcón aposta por unha educación baseada na convivencia, a participación e os proxectos vivos. Todos os anos articúlase un proxecto de centro que orienta as actividades complementarias e extraescolares. Este curso, por exemplo, o tema é o universo, co que se fixeron disfraces para o entroido, se decorou a biblioteca e se organizaron saídas como a do Planetario da Coruña. O apoio do Concello tamén é fundamental, tanto a nivel loxístico como económico, facilitando a realización destas saídas educativas.

PROXECTOS DE FUTURO

En canto a proxectos de futuro, o centro participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, con iniciativas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa ou o club de lectura. Ademais, o profesorado está implicado en dous proxectos de formación permanente, un centrado en matemáticas manipulativas e outro en polos creativos. Tamén desenvolven un plan de vida saudable e deporte.

Pero non todo é celebración. A dirección do centro tamén sinala as carencias estruturais dun edificio que cumpre agora medio século. A accesibilidade é unha das principais preocupacións: o colexio só conta con ramplas exteriores e non é viable, segundo os informes técnicos, instalar un ascensor. Tamén se observa con preocupación a posible perda de profesorado ligada á caída do número de alumnos, o que podería dificultar que o alumnado do rural teña as mesmas oportunidades que os das zonas urbanas.

Así e todo, o colexio segue adiante, coa forza de toda unha comunidade comprometida coa educación, a ilusión dos máis pequenos e o traballo incansable dun equipo docente que, nestes 50 anos de historia, non perdeu nunca a súa razón de ser: ensinar, acompañar e medrar xuntos.

⚙ Configurar cookies
0.17272806167603