Os agricultores afectados pola couza teñen ata o 31 de maio para declarar os cultivos

TerraChaXa
Os agricultores da zona tampón establecida para controlar a expansión da couza guatemalteca da pataca teñen de prazo dende mañá ata o vindeiro 31 de maio para presentar as súas declaracións de cultivo de tubérculo.
12 Mar 2019

Os agricultores da zona tampón establecida para controlar a expansión da couza guatemalteca da pataca teñen de prazo dende mañá ata o vindeiro 31 de maio para presentar as súas declaracións de cultivo de tubérculo. Así o establece unha resolución da Consellería do Medio Rural que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG).
En virtude desta resolución, prorróganse tamén todas as medidas fitosanitarias establecidas para a erradicación e control con respecto a este organismo de corentena e en concreto a expresa prohibición do cultivo de pataca nas zonas infestadas ata que transcorran dous anos desde o último insecto capturado nas trampas.
No DOG lémbrase que a día de hoxe os concellos infestados na provincia de Lugo son: Abadín, Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove.
Por outra banda, está considerada zona tampón na provincia de Lugo unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados, que afecta a parcelas dos concellos de Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.

0.18477892875671