Os beléns de Momán e Labrada quéixanse do prezo da luz
Un ano máis, as parroquias chairegas de Momán (Xermade) e Labrada (Guitiriz) contan con senllos beléns reivindicativos, realizados polos veciños baixo a dirección do cura Patiño.
Ambos os dous xa abriron ao público esta fin de semana e volven facer unha reclamación respectuosa, de protestas e de homenaxe onde as principais reivindicacións xiran sobre a subida da factura da luz e a baixada do prezo que se paga polo leite e a carne aos gandeiros.
Por suposto a covid e a súa variante ómicron serán unha parte deste nacemento no que se reclama a vacinación para todos os países, desenvolvidos ou non. Non faltan referencias á violencia de xénero, á situación que viven en La Palma coa erupción do volcán Cumbre Vieja ou a situación dos emigrantes que chegan a España en pateras.
O de Momán está situado na Capela de San Antón e para visitalo hai que falar con Amador. En Labrada a visita é en festivos ata despois de Reis.