Os Bolechas levarán a súa xira musical a Begonte con un espectáculo para toda a familia

TerraChaXa
A proposta teatral da 'muller orquestra' recalará o domingo 14 de decembro no Centro Sociocultural José Domínguez Guizán ás 17.00 horas
BOLECHAS
15 Nov 2025

A xira musical de Os Bolechas continúa o seu percorrido por Galicia e fará unha das súas paradas en Begonte o domingo 14 de decembro. Será ás 17.00 horas no Centro Sociocultural José Domínguez Guizán, onde o público infantil e as súas familias poderán gozar do espectáculo protagonizado pola coñecida 'muller orquestra'.

Tras o éxito colleitado na súa estrea, a proposta volve aos escenarios cun teatro de monicreques no que Pili Bolechas decide transformarse nunha artista capaz de tocar múltiples instrumentos, desde o tambor ata a frauta, pasando pola guitarra, o clarinete ou o saxofón. O seu obxectivo é ofrecer un concerto único que anime á cativada a coñecer diferentes estilos musicais e a experimentar cos ritmos.

A actividade enmárcase no programa FalaRedes, impulsado pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, que busca promover o uso do galego e ampliar as alternativas de lecer no idioma propio. Dirixido a nenas e nenos de 4 a 9 anos, o espectáculo aposta pola música como ferramenta de aprendizaxe e cohesión familiar, ao tempo que reforza a presenza do galego entre o público máis novo.

⚙ Configurar cookies
0.071359157562256