Os bombeiros de Vilalba conseguen melloras salariais e de equipamento

TerraChaXa
O presidente da Deputación e do Consorcio de Bombeiros, Darío Campos Conde, anunciou que os 117 traballadores dos parques de bombeiros da provincia cobrarán neste mes de xuño o mesmo que os seus compañeiros de Ourense, equiparando o salario dos profesionais lucenses cos do resto de Galicia.
bomberos
28 Xuño 2018

O presidente da Deputación e do Consorcio de Bombeiros, Darío Campos Conde, anunciou que os 117 traballadores dos parques de bombeiros da provincia cobrarán neste mes de xuño o mesmo que os seus compañeiros de Ourense, equiparando o salario dos profesionais lucenses cos do resto de Galicia. Ademais, este acordo é de carácter retroactivo, o que implica que os profesionais dos parques de bombeiros cobrarán a suba con efecto retroactivo dende o mes de xaneiro. O incremento nos salarios dos 117 traballadores dos parques de bombeiros é de 660.000 euros ao ano.

Campos Conde destacou que “por fin acabamos coa discriminación salarial que sufrían os bombeiros da provincia de Lugo. É unha mellora das condicións destes profesionais que reclamamos dende hai moito tempo, e que neste mes, verase reflectida. Como sempre defendín mesmo traballo mesmo salario. Trátase dunha vella reivindicación, pola que levamos loitando dende o ano 2016, que non se puido materializar antes pois a Xunta de Galicia non achegou os 330.000 euros que debería ter achegado”.

Máis equipamento para os bombeiros

O Pleno do Consorcio celebrado este mércores aprobou unha modificación de crédito pola necesidade e urxencia de realizar unha serie de actuacións que están previstas nos parques de bombeiros competencia desta entidade. Trátase da adquisición de novo equipamento, por valor de 325.000 euros, para os traballadores dos parques de bombeiros de Viveiro, Vilalba, Barreiros, Monforte, Sarria e Chantada. Decidíronse acometer estas medidas para que os profesionais lucenses afronten con plenas garantías a tempada alta de incendios, ente os meses de xullo e setembro. Con dito orzamento o Consorcio Provincial adquirirá os seguintes materiais:

- Dotación de liñas de vida (arneses) para os camións de bombeiros. Isto é debido a que unha parte do material que precisan os profesionais para a as súas intervencións está colocado no teito dos vehículos. A lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais e o Real Decreto 2177/2004 esixe contar con este tipo de medidas para as persoas que traballan por encima dos 2 metros de altura.

- Adquisición dun vehículo de mando para o parque de bombeiros de Monforte de Lemos, que é o único de toda a provincia que non conta con este servizo. É fundamental esta actuación, pois a falta deste vehículo provoca que o parque teña que solicitar este camión a outros parques da zona sur, deixando ao parque prestamista sen este equipo.

- Compra de terminais TETRA portátiles, adaptadas para o persoal dos parques que xestiona o Consorcio. A normativa que regular os traballos en ambientes con atmosferas explosivas obriga a dotar ao persoal de equipos que conten coa certificación precisa que certifique o seu uso en este tipo de ambientes, reducindo deste xeito a posibilidade de que sexan os propios equipos os que poidan provocar explosións.

- Dotación dun segundo traxe de intervención para o persoal dos parques de bombeiros. O feito de que os bombeiros conten cun único traxe supón que en caso de acudir a unha intervención onde o seu EPI (equipo de protección individual) se contamine, non teñen a posibilidade de substituílo para futuras incidencias esa xornada o que con leva que o traxe non estea nas condicións óptimas de seguridade.

- Prover de novas taquillas nos parques de Vilalba e Barreiros para que cada traballador dispoña da súa propia taquilla para gardar os seus obxectos persoais e pertenzas. 

- Adquisición de 6 tablets para situar nos camións BUL dos 6 parques da provincia.  Con esta nova dotación os bombeiros disporán de moita más información ante unha situación de emerxencia, como a localización da incidencia, as características da zona ou os riscos presentes na intervención, entre outras, traducíndose nun maior tempo de resposta e beneficiando a todos os veciños da provincia.

A previsión do Consorcio Provincial é que nos vindeiros días os bombeiros dos parques comarcais de Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos e Chantada dispoñan das liñas de vida e dos TETRAS para as súas intervencións, ademais de dotar ao de Monforte co vehículo de mando. Ao longo do ano, equiparase aos parques de Bombeiros da provincia do resto de equipamento.

Requirimentos a empresa que xestiona os parques

O presidente da Deputación e do Consorcio de Bombeiros levou unha proposta de urxencia ao pleno para requirir as explicacións oportunas á empresa adxudicataria do servizo pola retirada unilateral, sen preguntar ao Consorcio, das escaleiras, dos canóns de auga e do equipamento situado no teito dos camións aos Parques de Monforte de Lemos e Chantada. A entidade que xestiona os parques deberá instalar de inmediato toda a equipación de novo.

0.19353985786438