Os casos de coronavirus dispáranse con novos gromos como o de Vilalba
O Sergas informou hoxe que a provincia de Lugo sumou un total de 89 casos activos máis pero que en realidade son 95 contaxios novos xa que se descontaron as 6 altas producidas nas últimas 24 horas.
Deste xeito, xa son 441 os casos activos, cifra á que se chega polo importante aumento de positivos en dous dos gromos principais de contaxio, a residencia de maiores do Incio e tamén o caso da festa de Lugo.
Tamén aumenta a presión hospitalaria en catro casos máis e xa son 10 os ingresados, un deles no hospital de Moforte que levaba moito tempo libre do virus; mentres se manteñen os dous enfermos na UCI do Hula.
En datos xerais, son 1.780 os casos acumulados dende o inicio da pandemia con 1.307 curados e 32 falecementos.
O pricipal gromo activo que está sumando casos é o da residencia do Incio, onde sumaron nunha xornada 49 contaxios máis ata chegar aos 113 casos, a maior parte deles non están aínda contabilizados no balance de hoxe xa que son positivos desta mesma mañá. 87 dos contaxiados son residentes e os 26 restantes traballadores do centro.
Destaca tamén os novos 8 positivos que se atribúen á festa dun pub da capital luguesa ou os 13 casos detectados en Vilalba en dous días. Neste último caso hai contaxios no centro urbán e tamén nalgunha parroquia. Vilalba está a vivir estes días as datas nas que tiña previsto celebrar as súas patronais polo que a alcaldesa pide prudencia e responsabilidade aos veciños.
GALICIA
Os datos de crecemento tamén están disparados en Galicia, onde a Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.798, o que supón 218 máis nunha única xornada. Deles 1.275 son da área da Coruña, 441 da de Lugo, 243 da de Ourense, 165 da de Pontevedra, 177 da área de Vigo, 382 da de Santiago, e 115 da de Ferrol. Por áreas sanitarias, a máis afectada segue a ser a da Coruña,e tras ela está a de Lugo.
Do total de pacientes positivos, 13 están en UCI, 84 en unidades de hospitalización e 2.701 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.086 persoas curadas, rexistrándose 633 falecementos.
O aumento de positivos provocou a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que ofreceu unha interpretación dos datos. Alegou que os 13 pacientes ingresados supoñen o 0,5% do total e as hospitalizadas son o 3%. Asegurou que en Galicia a situación é menos mala que no conxunto do Estado xa que conta coa incidencia de 88 casos nos últimos días po cada 100.000 habitantes mentres que en España esa media é de 173.
Explicou que a situación peor está na Coruña e no resto os casos están focalizados.
O aumento de casos en Galicia segue a tendencia do resto do país que sumou 2.415 contaxios na última xornada.
A media de casos diagnosticados no últimos sete días por cada 100.000 habitantes no conxunto do país é de 90,29. Galicia está por baixo desa barreira con 52,38 e moi lonxe de Madrid (213,30), Aragón (175,93), País Vasco (161,97) ou Navarra (114,34) que encabezan a lista.
Por baixo da incidencia acumulada galega no últimos sete días están Estremadura (48,98); C. Valenciana (45,11); Ceuta (44,82); Andalucía (43,18); Murcia (41,97) e Asturias (21,61).
VOLTA AO COLEXIO
Sobre a volta ás clases pediu "tranquilidade" asegurando que están a planificar o curso e o comité de expertos prepara un protocolo de cen páxinas para os centros educativos que estará a disposición de todos a principios da segunda semana de setembro. Nese protocolo haberá información sobre que facer antes de ir a clase, de medidas de protección, de uso de máscaras, como se colocan, como se tratan. O protocolo contempla que facer en caso de brotes.
O presidente autonómico asegurou que "o protocolo minimiza os riscos, haberá máis risco de contaxio fora que dentro das aulas".