Os centros das Pontes reciben o seu galardón do certame Atrévete a ter unha idea

TerraChaXa
Os premios foron entregados polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP
entrega-premios-atrevete-a-ater-unha-idea
8 Oct 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu o acto de entrega de premios a un total de 77 alumnos de 11 centros de Primaria e Secundaria que resultaron galardoados no certame Atrévete a ter unha idea, unha iniciativa da Xunta de Galicia enmarcada no Plan Eduemprende que promove o emprendemento entre os escolares.

Neste concurso foron premiados dous centros ponteses, o CEIP Purilingüe A Fraga pola súa idea A gran central espacial,  un proxecto co que reaproveitar as instalacións da antiga central térmica das Pontes.

O Castro da Uz presentou a idea de negocio Túa Expresión, un espazo artístico multidisciplinar.

O responsable da área de Educación do Goberno galego gabou a calidade e a creatividade dos proxectos presentados e animou aos alumnos a seguir a senda do traballo e a responsabilidade. “Hai unha gran valentía en todas as vosas propostas, e é precisamente o valor o que debe levarvos a traballar para cambiar as cousas para mellor”, sinalou dirixíndose aos asistentes ao acto que tivo lugar no Centro Integrado de FP CIFP Politécnico, en Santiago, e que contou coa presenza de representantes de distintas entidades empresariais de Galicia.

Román Rodríguez destacou a importancia de fomentar a cultura emprendedora desde o sistema educativo como vector de transformación do conxunto da sociedade. Neste senso, comprometeuse a seguir impulsando accións para o apoio ás iniciativas que xurdan do traballo entre o alumnado e o profesorado como os programas de fomento da cultura emprendedora, a rede de aulas de emprendemento e a rede de viveiros de empresa
Competencias persoais e sociais

Enmarcado no Plan Eduemprende, o concurso ten entre os seus obxectivos promover as competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado así como dar a coñecer aos estudantes o tecido industrial.

O concurso conta con catro modalidades de participación –individual Educación Primaria, individual Educación Secundaria, grupal Educación Primaria e grupal Educación Secundaria– e son premiadas as tres mellores ideas de cada categoría. O alumnado galardoado recibe un dispositivo dixital ou unha experiencia multiaventura, segundo o premio sexa individual ou grupal, respectivamente.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1749701499939