Os centros escolares de Guitiriz celebran a Festa das Letras durante catro días

TerraChaXa
As actividades comezarán o xoves 15 de maio, ás 20:30 horas, no CEIP Plurilingüe Lagostelle
festa-das-letras-galegas-colexios-guitiriz
13 May 2025

Os CEIP Santo Estevo de Parga, CEIP de Teixeiro e CEIP Plurilingüe Lagostelle, en colaboración coa asociación Xermolos, organizan a Festa das Letras 2025 cunha completa programación que se desenvolverá entre o 15 e o 18 de maio con motivo do Día das Letras Galegas.

As actividades comezarán o xoves 15 de maio, ás 20:30 horas, no CEIP Plurilingüe Lagostelle, cun faladoiro a cargo de Richi Casás titulado As Pandeireteiras nas Letras Galegas, seguido dunha actuación das Pandeireteiras de Xermolos.

O venres 16 de maio haberá dúas foliadas escolares. No CEIP Plurilingüe Lagostelle celebrarase a Foliada no Cole, unha xornada con merenda campestre e música tradicional de Xermolos, dirixida exclusivamente ao alumnado. No CEIP de Teixeiro terá lugar a Foliada na Praza, aberta a toda a veciñanza, cunha actuación conxunta do alumnado e profesorado, e música tradicional a cargo da Asociación Cultural Faragulla.

O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, a festa trasladarase ao CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga, ás 19:00 horas, cun espectáculo infantil a cargo de Brais das Hortas titulado Consertasso na Horta, seguido dunha foliada popular cos grupos infantís e a Escola de Música Tradicional de Xermolos.

A programación pecharase o domingo 18 de maio coa celebración da Festa da Fala en San Alberte, unha xornada de convivencia e foliada aberta á comunidade educativa dos tres centros. Ademais, contará cunha mostra de fiado de lá e liño a cargo de Bolboreta Fiandeiras.

⚙ Configurar cookies
0.12197685241699