Os centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso sensibilizarán aos internos contra a violencia de xénero

TerraChaXa | LugoXa
O proxecto MAVI: a Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero permanecerá un mes nos Centros Penitenciarios de Bonxe e Monterroso para que as persoas internas traballen con libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista.
28 Dec 2022

O proxecto MAVI: a Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero permanecerá un mes nos Centros Penitenciarios de Bonxe e Monterroso para que as persoas internas traballen con libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia machista. “É un paso máis no camiño cara a erradicación do machismo e de todas as formas de violencia contra as mulleres”, subliñou Rodríguez.

A subdelegada, acompañada dos directores dos Centros de Bonxe, José Manuel Pernás, e o de Monterroso, Félix Rodríguez, e da responsable da Unidade contra a Violencia de Xénero, Mª Luisa Castro, explicou que se tratan de textos que promoven a reflexión, o cuestionamento, a sensibilización e concienciación sobre a violencia de xénero, fomentando a educación en dereitos, igualdade e liberdades na sociedade.

Deste xeito, Isabel Rodríguez puxo en valor esta iniciativa da Subdelegación que se aliña cos proxectos e actividades que desenvolven os internos e internas nos centros penitenciarios e que teñen como fin a reeducación e reinserción da poboación penitenciaria, “que é o medio para chegar ao obxectivo de acadar a integración na sociedade das máis de 400 persoas que hoxe están internas nos centros de Bonxe e Monterroso”, engadiu.

Neste aspecto, a subdelegada agradeceu ao persoal de Institucións Penitenciarias o seu compromiso e profesionalidade para ofrecer formación aos homes e mulleres que están internas e evitar, deste xeito, a reincidencia en condutas machistas. “Con MAVI imos facilitar ás persoas internas ferramentas necesarias para facer fronte á violencia machista, un reto social que nos incumbe a todas e todos, pois é moi importante que as persoas que cometeron actos delituosos relacionados con calquera tipo de violencia machista poidan ampliar a súa mirada e modificar as súas aptitudes e actitudes para non repetilas”, destacou Rodríguez.

Nesta liña, a subdelegada avanzou que coas dúas maletas dos Centros Penitenciarios xa son 3 as que percorren a provincia. Anteriormente, os Concellos de Viveiro e Sarria traballaron cos materiais da maleta que continuará a súa viaxe en centros de información á muller, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero, así como servizos municipais que a soliciten. Nesta primeira etapa, cada maleta conta con doce libro infantís, xuvenís e para adultos.

Entre os títulos que gardan as maletas dos C.P. de Bonxe e Monterroso destacan Desarmar la masculinidad, de Beatriz Ranea; La mujer del porvenir, de Concepción Arenal; Infamia, de Ledicia Costas; El lunes nos querrán, de Najat el Hachmi, La revuelta de las putas, de Amelia Tiganus; La tierra de las Mujeres, de Sandra Barneda; El futuro es femenino: Cuentos para que juntas cambiemos el mundo, VVAA; Lola Vendetta. Una habitación propia con wifi, de Raquel Riba; Matriarcas. Mulleres en pé de vida, de Montse Fajardo; A mi no me iba a pasar, de Laura Freixas; Invisibles: Relatos del maltrato, de Montse Fajardo; ou Feminismo para principiantes, de Nuria Varela e Antonia Santolaya, entre outros.

Ademais, a maleta contén un diario de viaxe no que as persoas reclusas que participen no proxecto poden escribir e compartir as súas reflexións sobre as lecturas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17106890678406