Os clubs recibirán as cantidades pendentes da Copa Deputación do 2020

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Deportes cumpre o compromiso de aboar aos clubs as cantidades previstas pola Copa Deputación, suspendida pola pandemia
Representantes dos clubs da provincia durante a xuntanza
2 Xuño 2021

A área de Deportes levará a Xunta de Goberno do vindeiro venres as bases da Copa Deputación de Fútbol, que permitirán aboar aos clubs as cantidades correspondentes ás eliminatorias que xogaron antes da suspensión da competición en marzo de 2020.

A declaración do estado de alarma impediu a disputa das semifinais e finais da competición nos termos previstos en edicións anteriores e, polo tanto, que as entidades deportivas recibisen os ingresos correspondentes á súa participación no torneo.

O procedemento que se aprobará na vindeira Xunta de Goberno habilitará á Deputación de Lugo para tramitar o pagamento aos clubs de Preferente Autonómica Masculina, Primeira Autonómica Masculina, Terceira Autonómica Masculina, Primeira División Feminina Galega e Segunda División Feminina Galega que xogaron o torneo.

Efrén Castro reuniuse este luns con representantes das entidades para avanzarlles os pasos dados pola área de Deportes para cumprir o compromiso adquirido de buscar alternativas para aboarlles os ingresos previstos.

Na xuntanza, á que estaban convocados todos os clubs e á que asistiron, en quendas, representantes de máis de trinta entidades, o deputado agradeceulles “a confianza amosada neste tempo” e reiterou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co tecido deportivo da provincia, mantendo o investimento neste torneo e en todas as convocatorias de concorrencia previstas para o ano 2020, ao contrario do que fixeron outras administracións”

Segundo se establece nas bases, cada club recibirá entre 385 e 600 euros por cada eliminatoria, en función da categoría e a súa condición de visitante ou local nos partidos disputados.

0.19235396385193