Os colectivos de Muimenta implicados na reclamación do servizo de bus informan á veciñanza

TerraChaXa
A Asociación Cultural e Veciñal “Aquilino Iglesia Alvariño”, a Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, a a Asociación Cultural, Veciñal e Deportiva “Xotramu”, a Sociedade Deportiva Muimenta e o Clube de Tenis de Muimenta queren agradecer a todas as persoas involucradas na solución da problemática da ausencia do bus entre a parroquia e outras cercanas e a capital de provincia con parada no Hula.
22 sep 2017

A Asociación Cultural e Veciñal “Aquilino Iglesia Alvariño”, a Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, a a Asociación Cultural, Veciñal e Deportiva “Xotramu”, a Sociedade Deportiva Muimenta e o Clube de Tenis de Muimenta queren agradecer a todas as persoas involucradas na solución da problemática da ausencia do bus entre a parroquia e outras cercanas e a capital de provincia con parada no Hula.

Dende que se presentaron alegacións ao proxecto, o pasado 22 de agosto, ampliadas o día 28, e se plasmou por escrito as problemática que se producía aos veciños e veciñas do pobo, tanto ao Sr. Balseiro, Delegado da Xunta, como ao Xefe de Infraestruturas, Sr. Javier Arias e a Xefa de Mobilidade, Sra. Pilar Represa se implicaron en primeira persoa para a súa solución, en especial na visita que os dous últimos realizaron a Muimenta esta semana para ver “in situ” as posibles solucións ás demandas da veciñanza e onde tiveron a oportunidade de coñecer ao “Sr. Filiberto”.

En especial, os membros das diferentes xuntas directivas queren darlles as grazas a todos e todas as veciñas que demandaron a través de nos unha solución a este grave problema que agravaba, dende o pasado 8 de agosto, a situación que a día de hoxe sufre o rural. “E, sobre todo, ao Sr. Filiberto que o pasado 16 de setembro se plantou na parada do bus esperando polo servizo que o levara a Lugo e que fixo máis patente a demanda de solucións por parte de todos os seus conveciños”, como explican os directivos.

Así, “sr. Filiberto, continuará alí, como mínimo, ata o último día do mes, salvo que o servizo de bus comece a funcionar máis tarde, debido aos axustes técnicos que ten que realizar a empresa Arriva para que o bus volva a pasar por Muimenta”.

Despois de case 50 días sen servizo de bus, os representantes dos colectivos veciñais interesáronse este xoves na xuntanza cos representantes da Xunta de Galicia, polas vantaxes do transportes metropolitano igual que o Concello do Cádavo. Nese sentido, “esperamos que as xestións que realice o Concello -que serán solicitadas por escrito- sexan tan efectivas”.

Información aos veciños e veciñas
O sábado 23 de setembro, ás oito da tarde, no primeiro andar do Centro Médico de Muimenta explicarase en asamblea aberta aos veciños de Muimenta e arredores tanto as xestións realizadas dende o pasado 22 de agosto polos colectivos veciñais e deportivos de Muimenta coma o servizo de bus proposto agora pola Xunta.

Concurso “DESesperando” polo bus
Ademais, o día 29 terá lugar a entrega de premios do concurso “DESesperando polo bus” que premiará ao veciño e veciña de Muimenta que se saque co sr. Filiberto e que reciba máis “gústame” en facebook ás catro da tarde deste venres cunha cesta de produtos da terra e un billete de bus co percorrido Muimenta – Lugo e regreso.

0.19215989112854