Os Concellos de Abadín e Guitiriz ofrecerán formación aos desempregados menores de 30 anos

TerraChaXa
A Xunta mellorará a cualificación de 150 mozos e mozas do rural de Lugo grazas ao programa "Formación á porta".
20 Nov 2017

A Xunta mellorará a cualificación de 150 mozos e mozas do rural de Lugo grazas ao programa "Formación á porta". Deste xeito, o Goberno galego acercará os cursos para desempregados a oito localidades que non contan con centros homologados para impartilos.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que esta medida forma parte do Sistema de Garantía Xuvenil e enmárcase no plan pioneiro de formación para desempregados específico para menores de 30 anos, que conta en Lugo cun orzamento de 516.200 euros para a celebración de 14 cursos -10 deles do programa Formación á porta-.

Os concellos beneficiarios son os de Abadín, Guitiriz, Ribadeo, Chantada, Mondoñedo, Castroverde, Baralla e Monterroso. Cada municipio disporá dun curso a excepción de Guitiriz e Ribadeo, que acollerán dous, e realizaranse en centros móbiles ou en lugares habilitados polos Concellos.

Tamén integran este paquete de accións formativas catro cursos que se desenvolverán no concello de Lugo, dos que se poderán beneficiar outros 60 mozos e mozas desempregados.

Balseiro subliñou que “a finalidade do Goberno galego é acercar a formación ao territorio, crear emprego estable e fixar poboación no rural”. Os alumnos e alumnas recibirán, ao rematar o curso, un certificado de profesionalidade con validez en toda España. As accións formativas centraranse en actividades con maiores índices de inserción laboral e o uso de novas tecnoloxías, axustándose ás necesidades do tecido empresarial de cada zona.

A iniciativa desenvólvese a través de axudas dirixidas aos centros formativos acreditados e/ou inscritos pola Xunta para ofrecer formación profesional para o emprego, xa sexan empresas, entidades sen ánimo de lucro ou concellos. Na provincia de Lugo encargaranse dos cursos seis empresas de formación, Cruz Vermella e a Asociación de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor).

A convocatoria ten un carácter bianual para favorecer a realización de cursos máis complexos e cun maior período de duración. Polo tanto, a cualificación será máis completa e ofrecerá, deste xeito, maiores oportunidades laborais e máis capacitación aos participantes.

O Goberno galego, mediante o Sistema de Garantía Xuvenil, favorece o acceso ao mundo laboral dos mozos e mozas a través de catro eixos principais: a mellora da intermediación, da empregabilidade, incentivos á contratación e o fomento do emprendemento. Para apoiar á mocidade, a Xunta está a investir este ano 40 millóns de euros para formación, contratación e emprendemento.

0.15832209587097