Os concellos de Lugo apostan pola investigación da USC

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A USC louba a “gran resposta” ao proxecto Minerais contra o Cancro ao que se sumaou a cidadanía e os concellos da provincia
cidadania minerais cancro usc
27 Jul 2022

A coordinadora do proxecto Minerais contra o cancro, promovido por investigadores da Facultade de Veterinaria e do HULA, Marta López Alonso, agradece o apoio das entidades locais da provincia a unha iniciativa de ciencia solidaria que busca solucións para os doentes oncolóxicos, nun concorrido acto celebrado na Casa do Saber no que participan o reitor Antonio López e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

O proxecto Minerais contra o cancro, unha iniciativa promovida conxuntamente por investigadores do Campus de Lugo e do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), fai visible a aposta e o apoio prestado polas distintas administracións locais da provincia á USC a prol da investigación, tal e como puxo de manifesto este martes a profesora na Facultade de Veterinaria e coordinadora desta iniciativa de ciencia solidaria, Marta López Alonso, nun acto de “agradecemento” presidido polo reitor Antonio López na Casa do Saber e que contou cunha ampla representación das corporacións locais da provincia, ademais do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Agradecida pola implicación da práctica totalidade dos concellos da provincia de Lugo nun proxecto pioneiro que pretende achegar novas solucións aos doentes oncolóxicos, a a responsable do grupo de Investigación en Medicina Animal (IMedA) na Facultade de Veterinaria e coordinadora de Minerais contra o cancro, Marta López Alonso, reiterou o seu agradecemento a todas as persoas, empresas e entidades que colaboraron con doazóns económicas na campaña de micromecenado desenvolvida desde o pasado 17 de decembro e durante un período de 3 meses na plataforma Precipita da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT).

“Este proxecto serviu para ver como a sociedade luguesa se volcou por completo cunha modesta iniciativa de I+D, que recadou preto de 55.000 euros, unha contía á que de sumar as achegas económicas prestadas polos concellos da provincia de Lugo, faría de ‘Minerais contra o cancro’ o proxecto máis apoiado en toda a historia da plataforma Precipita do Ministerio de Ciencia e Innovación”, relatou López Alonso, para, de seguido explicar que o “obxectivo deste proxecto pasa por estudar o efecto que poden ter os minerais nos doentes oncolóxicos”.

O cometido que desenvolven os minerais nas dietas animais están moi estudados, pero a información dispoñible en medicina humana é máis limitada, porque “nós non temos que ser superprodutivos”, dixo López Alonso, ao tempo que salientou a importancia dos minerais como reguladores do bo funcionamento de todo o organismo. Neste contexto, engadiu López Alonso, este proxecto, que xa está en marcha a través da primeira fase de investigación que está a desenvolver a enfermeira Inés Rivas na súa tese de doutoramento, un labor que, neste caso, se centra en coñecer os rangos de referencia de minerais na poboación da provincia que goza de boa saúde. Para analizar estes datos, sinalou López Alonso, xa contamos con máis de 500 doantes, unha cifra tamén superior á inicialmente prevista.

Ilusionada, ao tempo que agradecida, pola boa resposta recibida da sociedade luguesa no seu conxunto, López Alonso fixo tamén un chamamento a intensificar a colaboración entre a USC coa cidadanía, a través das súas administracións. Esta investigadora dixo así que “o proxecto Minerais contra o cancro supón unha boa oportunidade para achegar a USC á sociedade, á que as universidades públicas tamén debemos achegar ferramentas e coñecementos para resolver as súas problemáticas”.

O reitor da USC, Antonio López, salientou asemade a transferencia de resultados de investigación e de coñecemento á cidadanía como unha das fórmulas a través das que a USC pode devolver todo o apoio recibido da sociedade. “O proxecto Minerais contra o cancro é unha clara mostra desta responsabilidade social das universidades públicas”, dixo López, para logo sinalar que “alén de ofrecer cada ano ao mercado arredor de 4.000 titulados e tituladas, a USC tamén debe ser capaz de achegar solucións á sociedade”.

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, compartiu asemade o orgullo manifestado polo reitor da USC respecto do éxito desta iniciativa de ciencia solidaria promovida desde o Campus Terra da USC. Así, logo de trasladar os parabéns á profesora López Alonso e a todo o seu equipo, José Tomé reiterou que o organismo provincial continuará a prestar todo o seu apoio ao Campus de Lugo da USC.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16876602172852