Os concellos do Camiño do Bispo únense para fixar o trazado

TerraChaXa | AMariñaXa
Os concellos reunidos nas Pontes manterán un novo encontro, o día 24 de febreiro no concello de Abadín
reunion-alcaldes-camino-do-bispo
6 Feb 2025

Os concellos polos que discorre o camiño real que une Mondoñedo con Ferrol, e que enlaza, en San Nicolás de Neda, co Camiño Inglés e co Camiño de San Andrés de Teixido, rebautizado como o Camiño do Bispo, acordaron iniciar o proceso para fixar o trazado desta ruta e convidar a sumarse a esta iniciativa aos municipios de Vilalba e As Somozas, polos que transcorren pequenos tramos da ruta.

Representantes dos municipios das Pontes, Mondoñedo, Abadín, Muras, Xermade, San Sadurniño e Neda, tamén adoptaron a decisión de formalizar unha agrupación de concellos co obxectivo de impulsar os territorios que vertebran o norte de Galicia, nese sentido, González Formoso, apuntou que “o Camiño do Bispo será un factor de desenvolvemento, apostando polo turismo de calidade e a cultura, o que lle abrirá novas portas de futuro a un territorio moi amplo e rico”.

Así, González Formoso lembrou, que o Camiño do Bispo non é so un mecanismo de xeración económica senón un extraordinario recurso turístico que conecta territorios dun extraordinario valor paisaxístico, medioambiental, histórico e etnográfico. “Debemos fomentar e incidir no seu coñecemento, botando man doutras administracións, para amosar ao mundo que existe unha conexión entre o Camiño Francés e o Camiño Inglés que se chama o Camiño do Bispo e, as persoas que peregrinan deben saber que non se baixan do Camiño de Santiago se pasan polas Pontes. Esa debe ser a nosa aspiración e o lema do noso camiño”.

Os concellos reunidos onte nas Pontes manterán un novo encontro, o día 24 de febreiro no concello de Abadín, para seguir avanzando na procura de fórmulas para impulsar este proxecto.

0.19265103340149