Os dous accesos á praia de Arealonga en Foz estarán abertos este verán
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anuncioulle ao alcalde de Foz, Francisco Cajoto, que este verán estarán abertos os dous accesos á praia de Arealonga.
A subdelegada informou ao alcalde de que a Dirección Xeral de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica xa está a traballar para recuperar os dous accesos ao areal de Arealonga.
Nas últimas horas, o servizo provincial de Costas puxo en marcha unha intervención para o arranxo dos danos ocasionados por un desprendemento que obrigou a pechar o acceso á praia situado na zona de Nois. Desde onte realízanse os traballos necesarios para acometer esta obra de reparación.
Ademais, Costas realiza outra actuación no acceso a Arealonga desde Fazouro. Neste caso, estanse a completar os traballos, que xa están moi avanzados, a pesar de que esta obra tivo que suspenderse unhas semanas por mor da crise sanitaria do COVID-19. Actualmente, só queda pendente a instalación dunha varanda para que os usuarios recuperen este acceso á praia.
Para levar a cabo as dúas actuacións, a Dirección Xeral de Costas ten previsto un investimento de 35.000 euros.