Os ecoloxistas salientan unha mellora da calidade do aire por mor da cuarentena

TerraChaXa
O informe de Ecoloxistas en Acción Efectos de la crisis de la COVID-19 sobre la calidad del aire urbano en España, elaborado a partir de medicións oficiais en 24 cidades do Estado (incluídas A Coruña e Vigo) conclúe que a redución drástica do tráfico estase traducindo nunha mellora sen precedentes da calidade do aire nas cidades galegas e españolas.
3 Abr 2020

O informe de Ecoloxistas en Acción Efectos de la crisis de la COVID-19 sobre la calidad del aire urbano en España, elaborado a partir de medicións oficiais en 24 cidades do Estado (incluídas A Coruña e Vigo) conclúe que a redución drástica do tráfico estase traducindo nunha mellora sen precedentes da calidade do aire nas cidades galegas e españolas.

As medidas de restrición da circulación derivadas do vixente estado de alarma provocaron entre os días 14 e 31 de marzo o desplome do dióxido de nitróxeno. Na Coruña a diminución foi do 56%, mentres que en Vigo chegou ao 60%.

A organización ecoloxista suliña que esta redución da contaminación produciuse no contexto dunha situación extrema, en absoluto desexable, que está a orixinar graves problemas a moitísimas persoas.

En primeiro lugar, Ecoloxistas en Acción solidarízase con todas as persoas que están padecendo a pandemia e as súas consecuencias, así como cos servizos públicos esenciais que están enfrontando a emerxencia sanitaria e social.

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción, no que atinxe a Galicia, recolle os datos oficiais de dióxido de nitróxeno (NO2) recollidos nas estacións urbanas de medición existentes na Coruña (4) e en Vigo (2) durante o mes de marzo de 2020 e dos dez anos anteriores (1). Presenta polo tanto unha foto fixa da calidade do aire urbano no último mes, antes e despois da declaración do estado de alarma e as medidas de confinamento.

Entre a súas principais conclusións, salientan que desde a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo, produciuse unha baixada  drástica dos niveis de contaminación atmosférica por dióxido de nitróxeno (NO2) nas principais cidades españolas. Esta redución cuantificouse nun 60% para Vigo e nun 55% para A Coruña, en comparación cos niveis de contaminación habituais nestas datas, durante a última década.

Os niveis de NO2 rexistrados durante o estado de alarma son os máis baixos para a segunda quincena do mes de marzo da última década en Vigo, na Coruña e no resto das cidades  analisadas. Mantéñense ademais moi por debaixo do valor límite e a guía anual da OMS, cando nas estacións de tráfico o devandito limiar supérase frecuentemente nalgúns días do mes de marzo.

O dióxido de nitróxeno (NO2) é o contaminante típico emitido polos tubos de escape dos automóbiles (ademais de polas caldeiras industriais e domésticas), polo que a súa evolución está directamente vencellada ás emisións do tráfico motorizado, sendo esta a súa principal fonte nas cidades e o principal factor que inflúe na calidade do aire urbano.

O NO2 é un gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e merma a resistencia ás infeccións, polo que a súa drástica redución é unha boa noticia, no contexto de emerxencia sanitaria actual.

A crise da COVID-19 demostra que a redución estrutural do tráfico motorizado e as mudanzas nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire nas nosas cidades, aínda tendo en conta a excepcionalidade da situación extrema que estamos vivindo.

A dramática situación creada pola COVID-19 vén confirmar que a redución do tráfico motorizado nas cidades diminúe a contaminación, mellorando así a saúde pública. Unha vez superada a emerxencia sanitaria, esta evidencia debería marcar as futuras políticas de mobilidade urbana. Precisamos, tamén en Galiza, zonas de baixas emisións ambiciosas, recuperando o transporte público e potenciando a bicicleta e o tránsito peonil, como medios de transporte alternativos ao vehículo privado.

0.16474580764771