Os empresarios de Sete Pontes realizaran este mes tres campaña de dinamización comercial

A Asociación de Empresarios Sete Pontes organiza un mes de abril cargado de dinamización comercial baixo o lema En abril, Feiras mil. O obxectivo principal desta iniciativa é incentivar o comercio local, atraer público e crear un ambiente animado nas rúas da vila. Para iso, desenvolveranse tres campañas que combinarán gastronomía, compras e premios.
Esta fin de semana celebrarase a tradicional Feira do Queixo de San Simón, na que a Asociación de Empresarios Sete Pontes contará cun posto propio desde o que se promocionará a seguinte gran cita comercial: a Feira de Oportunidades. Durante a feira, todas as persoas que visiten o posto e cubran unha participación entrarán no sorteo de catro vales de compra para canxear nesta feira.
A seguinte gran cita será a Feira de Oportunidades, que se celebrará os días 12 e 13 de abril na Praza da Constitución. Durante estes dous días, os comercios locais sairán á rúa para ofrecer os seus produtos con descontos especiais nun ambiente festivo. O horario da feira será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00. Máis de vinte establecementos participarán nesta iniciativa, que contará tamén con animación infantil e servizo de ludoteca para facilitar as compras en familia. Ademais, sortearase unha cea en Lar Os Píos e un vale de saúde e gastronomía en Attica 21 entre os asistentes.
A partir do 8 de abril, en colaboración co Festival FIV, lanzarase a campaña Rascas FIV, que premiará as compras e consumicións nos establecementos locais con 10.000 tarxetas "rasca e gaña", das cales 5.000 estarán destinadas á hostalería e outras 5.000 ao comercio local.
Entre os premios haberá vinte entradas para o FIV, agochadas nos rascas, e dúas entradas adicionais que se sortearán a través das redes sociais. Os rascas entregaranse directamente nos establecementos participantes ata esgotar existencias.