Os empresarios de Vilalba e o Concello firman un convenio para impulsar o comercio local

A concelleira de Comercio, María Xosé Fernández, e a responsable da área de comercio da Asociación de Empresarios de Vilalba, María Carballeira, formalizaron na tarde de onte a firma do convenio de colaboración entre o Concello de Vilalba e a entidade empresarial para o impulso do comercio local.
Mediante este acordo, a Concellería de Comercio destina 8.000 euros á Asociación de Empresarios para o cofinanciamento das actividades de dinamización comercial ao longo do ano 2025. Esta colaboración reforza a estratexia do Concello de delegar na Asociación a planificación e execución das campañas de promoción do comercio vilalbés.
Durante este exercicio, a Asociación ten previsto levar a cabo máis de dez campañas de dinamización comercial, todas elas cofinanciadas pola propia Asociación, o Concello e a Xunta de Galicia, a través do programa de axudas para Centros Comerciais Abertos.
Dentro do plan estratéxico da Asociación para o período 2023-2027 inclúense obxectivos clave como a mellora do mantemento do polígono industrial e o reforzo da promoción e dinamización do comercio local. Neste sentido, a semana pasada deuse un paso importante coa concesión ao Concello de Vilalba de dúas subvencións da Xunta para actuacións de mantemento no polígono. Esta semana, ademais, formalízase a firma do convenio de colaboración para o comercio local, que conta cunha dotación económica superior á de anos anteriores. Ambos os fitos supoñen avances significativos na consecución dos obxectivos marcados pola Asociación.
Estes dous logros son froito da colaboración institucional, e desde a Asociación de Empresarios expresan a súa vontade de que esta liña de traballo conxunta mantéñase e fortaleza nos próximos anos.