Os encontros Corazón de Artesanía destacan en Agolada o traballo dos oficios e empresas da Mariña
O Corazón da Artesanía. VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, destaca este fin de semana en Agolada, ao longo de tres días, os traballos de numerosas empresas e oficios lucenses, entre eles o das conservas Currimar de Xove e o do canteiro mindoniense Fernando Vilariño.
Entre os artesáns que participaron como expositores este ano na festa dos oficios en Agolada, Pontevedra, estará presente o canteiro Fernando Vilariño, de Mondoñedo.
A gastronomía lucense ocupará un lugar relevante con negocios como Currimar Conservas Tradicionales, de Xove.
No marco do VIII Corazón da Artesanía, a Fundación Artesanía de Galicia impulsa dous cursos de formación especializada para artesáns: un de complementos zero waste, técnica coa que na confección dunha prenda de moda se aproveita o 100% da superficie da tea, impartido por Aroa Veiga (Gondomar); e outro de cestería de palla con silveira e xesta con vimbio, na que se traballará na evolución da técnica de cosedura en espiral, a cargo de Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén).
Entre o venres 5 e ata o domingo 7 de xullo, en horario de 11:30 a 21:30 horas, os visitantes poderán achegarse aos 47 expositores de produtos gourmet, así como coñecer o traballo de 66 artesáns de 27 oficios diferentes como a xoiería e a ourivería, a cestería, a marroquinería, a bixutería, a elaboración de instrumentos musicais, a olería, o téxtil, a cerámica, a forxa, as colareiras, a elaboración de zocos, a talla de madeira, os xoguetes, a tornería, a ilustración, a zapatería, a elaboración de figuras de pan e a manipulación de papel.