Os escape rooms temáticos organizados polos GDR chegan este sábado a Abadín

TerraChaXa
As probas están pensadas para maiores de 12 anos que poden xogar en grupo e permitirán aos asistentes descubrir os recunchos máis descoñecidos de cada territorio
presentacion-escape-room-vilalba
21 Oct 2025

Catro Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) galegos —Terras de Miranda, Seitura, Montes e Vales Orientais e Terra Chá, este último como entidade coordinadora— puxeron en marcha un proxecto de cooperación co obxectivo de dinamizar o turismo interior e poñer en valor o patrimonio cultural e natural dos seus territorios.

Leva por nome Xogal e consiste na realización dunha rede de escape rooms, repartidos entre os catro GDR. En total, desenvolveranse dous en Terra Chá, dous en Montes e Vales Orientais e tres en cada un dos outros dous territorios participantes, o que permitirá que os visitantes descubran as singularidades locais a través dun formato lúdico e participativo. O de Vilalba foi o primeiro e rematará o seu paso pola comarca este sábado, 25 de outubro en Abadín.

A participación nas actividades é gratuíta, mais será preciso inscribirse a través dunha plataforma en liña habilitada especificamente para o proxecto. As probas están pensadas para maiores de 12 anos que poden xogar en grupo e permitirán aos asistentes descubrir os recunchos máis descoñecidos de cada territorio mentres resolven enigmas e desafíos relacionados coa historia e cultura local.

Ademais da experiencia en si, o proxecto ofrece incentivos adicionais: todos os participantes que completen a proba entrarán no sorteo dunha cesta con produtos típicos das catro comarcas implicadas. Ao finalizar cada escape room, celebrarase tamén unha degustación aberta ao público, na que se poderán saborear produtos locais.

Os gañadores das diferentes edicións recibirán como premio experiencias sorpresa noutros territorios, co fin de seguir promovendo o intercambio cultural e a conexión entre zonas rurais galegas.

Con esta proposta, os GDR buscan fomentar o turismo sostible, atraer visitantes durante todo o ano e ofrecer unha alternativa innovadora de lecer vinculada ao coñecemento e ao territorio, consolidando así novas formas de dinamización rural.

⚙ Configurar cookies
0.068042039871216