Os estudantes de Vilalba recibirán formación contra as violencias machistas
O Concello de Vilalba organiza diferentes obradoiros en materia de igualdade e contra as violencias machistas para os nenos e nenas dos centros educativos do municipio.
En concreto, a formación vai dirixida ao alumnado de 6° de Infantil, 5° de Primaria e 1º de ESO dos CEIP Manuel Mato Vizoso, Antonio Insua Bermúdez, CEIP Terra Chá e CEIP Monseivane, así como o IES Santiago Basanta Silva.
Estes obradoiros educativos comezaron a semana pasada e finalizarán no mes de marzo, pero a intención do concello é mantelos no tempo, co obxectivo de que os nenos e nenas reciban a formación nos niveis elixidos.
A persoa encargada de impartir as sesións é a Axente de Igualdade contratada polo concello. Estes obradoiros dan cumprimento a un dos obxectivos marcados polo Plan de Igualdade aprobado a iniciativa do goberno local.
Nos obradoiros dirixidos ao alumnado de Infantil, a formación xirará arredor de temas como os estereotipos e os roles de xénero; a autoestima; a corresponsabilidade; as tarefas domésticas; a resolución de conflictos; as habilidades sociais; as emocións e a presión psicolóxica, ademais de falar sobre a necesaria desmitificación das profesións de mulleres e de homes, todo isto adaptado á comprensión e linguaxe desta etapa educativa.
Nas sesións de Primaria, traballarase o análise da estrutura sexo-xénero e as consecuencias que para a infancia ten a transmisión destes valores, co obxectivo de que os nenos e nenas aprendan a ser críticas coa realidade establecida e a ver as desigualdades, analizando a linguaxe desigual, os estereotipos, a falta de corresponsabilidade doméstica e a influencia de axentes socializadores como os medios de comunicación.
Por último, os obradoiros de 1º de ESO desmontarán os mitos do amor romántico e os estragos que provoca na xuventude, propiciando comportamentos machistas e discriminatorios e censurando os que se apartan da norma xeral. Co coñecemento dos estereotipos e os micromachismos, traballarase en profundidade a violencia de xénero, dando habilidades sociais aos xóvenes para aprender a xestionar os conflictos e a resolución dos mesmos.