Os fornos da Pontenova

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Por Somi López O descubrimento dunhas minas de ferro fosfórico no Concello da Pontenova, supuxo un gran empuxe para a economía desta zona e deu orixe ao municipio que coñecemos hoxe en día.
Edgar
19 Xuño 2020

Por Somi López

O descubrimento dunhas minas de ferro fosfórico no Concello da Pontenova, supuxo un gran empuxe para a economía desta zona e deu orixe ao municipio que coñecemos hoxe en día. E con este propósito a principios do século XX constituíase en Bilbao a Sociedad Minera de Villaodriz, co obxectivo de explotar ditas minas  de Vilaoudriz e Boulloso.

A historia do Concello da Pontenova comeza a principios do século XIX, cando o termo municipal aparecía dividido en tres concellos: Conforto, Miranda e Vilameana, pasando a ser dous a partir de 1845 Vilaoudriz e Vilameá. Este último cambiou o seu nome por Puente Nuevo en 1950 e pouco despois aprovouse a fusión de ambos os dous, pasando a denominarse Ponte Nova-Vilaoudriz. Xa por fin, o 9 de xuño de 1979, acordouse o nome actual, A Pontenova.

Contan que o nome da Pontenova alude á existencia noutros tempos dunha ponte que serviría de vía de acceso á outra beira, onde se explotaban xacementos mineiros, e así na zona mineira construíronse uns fornos de calcinación xa que as altas temperaturas eliminaban as substancias non desexadas. Ademais, para transportar o mineral de forma eficiente construiuse unha liña de ferrocarri. Así comezou a historia dos fornos, ás beiras do río Eo e do seu medio de transporte ata a costa para ser exportado aos diferentes países europeos.

Esta liña de ferrocarril comezou a construirse en 1902 e finalizou dous anos despois contando con 34 quilómetros. Fíxose aproveitando o val do Eo e remataba en Ribadeo, directamente ao porto onde se atopaba o embarcadoiro. Hoxe en día esta liña de ferrocarril coñécese como Vía Verde e é un roteiro que aproveita o carreiro antigo atravesando túneles e minas abertas.

O primeiro forno levantouse en 1902 no que se usou cerámica da fábrica de Sargadelos e costando a súa construción unhas 30.000 pesetas. En 1903 levantouse o segundo forno de Vilaoudriz. Nestes anos de explendor extraéronse 180.106 toneladas de mineral, cifra que non se volveu a acadar ata despois da Primeira Guerra Mundial en 1914.

O ferro era cargado directamente no tren, mentres que da limonita extraíase os residuos fosfóricos mediante un proceso de calcinación e os restos eran empregados para abonos. Para o traxecto foi necesario construír 13 túneles e levantar catro pontes metálicas ademais doutras dúas de cimentación de pedra. O percorrido conta así mesmo con catro estacións, a de Villaodrid, San Tirso, Porto-Vega e Ribadeo, e catro apeadoiros.

Para todo este proceso construíronse cinco chemineas durante 25 anos, estas teñen un tamaño de 11 metros de altura por 4 de ancho, e a mediados dos anos 50 a actividade mineira cesou e catorce anos máis tarde o ferrocarril deixou de funcionar. Contan que as causas da depresión da siderurxia galega foron debidas ás melloras das vías de comunicación, a escaseza de combustible e a modernización das industrias fóra de Galicia e máis concretamente as vascas, que producían un ferro de mellor calidade e máis barato.

Na actualidade, estos fornos atópanse recuperados e convertidos en monumento e exemplo do que foi no seu día a fábrica e a actividade mineira ademais de ser a seña de identidade deste Concello.

CONFERENCIA PONDAL copia
0.091136932373047