Os frescos dos Vilares pasan a formar parte da Lista Roja del Patrimonio
A asociación Lareira de Soños denunciou que aínda non comezaron cos traballos de restauración dos frescos da igrexa das Vilares "tal e como se aprobara hai dous anos pola Comisión de Cultura do Parlamento Galego". O acordo incluía convocar ás partes (Igrexa, Concello e Deputación de Lugo) desde a Xunta de Galicia para ver o xeito de iniciar o proceso de recuperación destas pinturas ao fresco do século XVI.
"Casi dous anos despois, estamos aínda no punto de partida. Hai unhas semanas nunha reunión coa alcaldesa de Guitiriz, esta seguía sin ter noticias ao respecto. O mesmo acontece coa diócese de Mondoñedo Ferrol e coa Deputación de Lugo", insisten dende a asociación.
O acordo xa Xunta de Galicia comprendía avaliar o estudo técnico en proceso de elaboración unha vez rematado, para estudar tanto o estado de conservación dos frescos situados nas igrexas parroquiais dos Vilares e Labrada e as medidas a adoptar para frear o seu deterioro e garantir a súa conservación, e abrir un espazo de diálogo co Arzobispado, o Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo para acometer as actuacións de consolidación e restauración que sexan precisas.
A asociación, instigadora dese restauración asegura que "nestes 26 meses, os frescos dos Vilares pasaron a formar parte da listaxe da vergoña, a Lista Roja del Patrimonio do Estado dos bens patrimoniais con alto risco de desaparición", tal e como foi comunicado á asociación polo comité científico da Asociación Hispania Nostra, responsable da avaliación do estado do patrimonio no Estado.
Os frescos, descubertos nunhas obras de mellora da igrexa en 1991 sendo párroco o actual deán da catedral de Compostela Segundo Pérez, levan 27 anos sen ningún tipo de actuación para a súa protección, co paulatino deterioro polas humidades, o paso do tempo, os rozamentos dos bancos da igrexa etc...
O profesor Monterroso Montero realizou un exaustivo estudo en 1992 que serviu de base para posteriores investigacións destas obras de arte por parte de historiadores e restauradores. Da autoría dos Mestres de Parga e de Nogueira, os catro murais da nave máis antiga da igrexa representan paisaxes, a imposición da casulla de San Ildefonso (temática única en Galiza), o enterro co conde Orgaz e o Cristo Matamouros. Un conxunto pictórico único e de alta calidade artística segundo os expertos.