Os grupos políticos de Guitiriz estudan alternativas para a residencia de maiores

TerraChaXa
Os tres grupos municipais espuxeron propostas para continuar co proxecto e agora serán Concello e Deputación quenes as estudarán
6 Feb 2021

Tal e como se comprometeron no pleno, os tres grupos que forman a corporación municipal do Concello de Guitiriz reuníronse para tratar diversos asuntos, entre os que se encontraba o futuro do proxecto para a construción dunha residencia de maiores no municipio chairego.

Os tres partidos espuxeron as súas propostas para continuar co proxecto e agora será o Concello, e tamén a Deputación, os que as estudarán. Ademais, a Deputación tamén enviará a súa propia alternativa para aportar unha solución viable.

Ademais, os tres grupos amosáronse de acordo en que o Concello de Guitiriz debe formar parte inescusable de todos e cada un dos procesos que se leven a cabo a partir de agora.

“Tanto desde a Deputación como desde o Concello temos a intención de que o proxecto para que Guitiriz conte cunha residencia de maiores sexa unha realidade e o obxectivo final deste proceso é o de ir todos da man nesa dirección”, aclarou a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.

OUTROS ASUNTOS

Na xuntanza, as tres forzas políticas acordaron ir da man para dar unha resposta eficaz ante a forte subida de casos por covid19 que está a padecer Guitiriz. “Desde o grupo de goberno propuxemos facer un reforzo na mensaxe de prevención fronte a pandemia nas canles de comunicación municipais, para lembrar a importancia de non dar tregua ao virus”, aclarou a alcaldesa, Marisol Morandeira.

Noutro dos puntos tratados, chegouse a un acordo unánime para realizar un primeiro borrador no que plantexar unha segunda quenda de axudas para autónomos. Este borrador quedará supeditado ás posibles axudas que convoque a Xunta este ano para que non se solapen e perdan eficacia.

Ao fío deste punto, Morandeira, destacou que “esta reunión foi un bo punto de partida para chegar a un entendemento entre todas as forzas políticas que conforman a corporación municipal. Desde este grupo de goberno entendemos que o diálogo é fundamental para chegar a acordos que melloren a calidade de vida de todas e todos os veciños”.

0.18632006645203