Os irmáns Igrexa Vila brillan na carreira de A Pastoriza, que crece con forza

TerraChaXa
Sumou un cento de participantes máis respecto ao ano anterior, demostrando que esta proba chegou ao calendario deportivo para consolidarse
andaina-pastoriza
14 Jul 2025

A Pastoriza viviu unha xornada deportiva marcada pola alta participación e o bo ambiente coa celebración da segunda edición da súa carreira popular, que logrou reunir a máis de 400 persoas entre corredores e participantes na andaina paralela.

A cita, organizada polo Concello da Pastoriza coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e a asociación local de empresarios, sumou un cento de participantes máis respecto ao ano anterior, demostrando que esta proba chegou ao calendario deportivo para consolidarse.

Nesta edición, os grandes protagonistas foron os irmáns Igrexa Vila, que deron un paso á fronte na clasificación. Álex foi o máis rápido en completar os sete quilómetros do percorrido, acadando a vitoria con autoridade, mentres que a súa irmá Lorena destacou na categoría feminina, logrando tamén o primeiro posto e subindo ao máis alto do podio.

Na carreira masculina absoluta, o atleta local do Lucus Caixa Rural completou o trazado en 23 minutos e 40 segundos, seguido de Adrián Suárez, do Lugo Running Club, e Manoliño Besteiro, do Atletismo A Gándara, que cruzaron a meta xuntos cun tempo de 24.21.

Na categoría feminina, Lorena Igrexa venceu en sub-20 cun tempo de 31.30, mentres que a segunda posición foi para a local Miriam Folgueira, que acadou o primeiro posto na categoría sénior.

A carreira tamén premiou a outros atletas destacados nas distintas categorías: Nuria Fernández, da Fonsagrada, foi a mellor en máster feminino, mentres que en máster masculino destacaron Álvaro Pico, de Barreiros, e Óscar Murado, de Riotorto. En categorías de base, Martiño Outeiro e Helia García (Ría de Foz) foron os máis rápidos en sub-14 e sub-16, mentres que Roi Regueiro e Mara González impuxéronse en sub-10 e sub-12.

A carreira popular da Pastoriza pechou a súa segunda edición con gran éxito de participación, reforzando o seu compromiso co deporte local e converténdose nun punto de encontro para atletas e familias que queren desfrutar dunha xornada de atletismo e convivencia no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.14582300186157