Os irmáns Pousada gañan a San Silvestre Vilalbesa xunto a Míriam Folgueiro

TerraChaXa
A xornada deportiva completouse coas carreiras das categorías inferiores e unha andaina popular de algo máis de dous quilómetros
sansilvestre-vilalbea
29 Dec 2025

Os irmáns Marco e Jarno Pousada Troitino foron os grandes protagonistas da San Silvestre Vilalbesa ao dominar con claridade a proba absoluta masculina, celebrada polas rúas céntricas da capital chairega nun ambiente festivo e con ampla participación. Marco Pousada proclamouse vencedor tras completar os 5,1 quilómetros do percorrido cun tempo de 16.09 minutos, mentres que Jarno entrou en meta apenas un segundo despois, logo de realizar practicamente toda a carreira xuntos e destacados do resto do pelotón desde os primeiros compases.

O terceiro posto foi para Esteban Díaz, que cruzou a liña de chegada cun rexistro de 16.58, xa a unha distancia considerable dos dous primeiros clasificados. A continuación situáronse Jaime Rodríguez, cun tempo de 17.17, e o mozo Pedro Moirón, de tan só 14 anos, que asinou un destacable 17.33. Tamén salientou a participación de Lourenzá Cervo, atleta do club Maderas Barcia, que chegou á cita tras competir durante toda a fin de semana en Expourense nun control de marcas de probas combinadas.

Na categoría feminina, a vitoria foi para Miriam Folgueiro, que se impuxo cun tempo de 20.42 minutos, converténdose na gañadora na Praza da Constitución de Vilalba. O segundo posto foi para Nía Franco, con 21.01, mentres que Uxía Fernández completou o podio cun rexistro de 21.15. En cuarta posición entrou Lorena Iglesias, con 21.29, e como primeira atleta júnior cruzou a meta Antía Yáñez, cun tempo de 22.35.

A xornada deportiva non se limitou á proba absoluta. Antes da saída principal disputáronse as carreiras das categorías inferiores, incluíndo mini, pitufos, sub-10 e sub-13, nas que todos os participantes recibiron a súa correspondente medalla. Ademais, organizouse unha andaina popular de algo máis de dous quilómetros, na que participaron máis dun cento de persoas.

En total, a San Silvestre Vilalbesa contou con máis de 450 atletas entre todas as categorías, consolidándose como unha das citas deportivas máis destacadas do Nadal na comarca. Na entrega de premios estiveron presentes a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Deportes, Paula Vigo, que puxeron en valor tanto o nivel deportivo como o carácter participativo e popular da proba.

⚙ Configurar cookies
0.079549074172974