Os IV Cantos de Taberna de Ribadeo terán lugar o 23 de marzo
O 23 de marzo terá lugar a cuarta edición dos Cantos de Taberma, que organiza o Concello ribadense e que por primeira vez se desenvolverán fora do Ribadeo de Tapeo. O evento foi presentado hoxe polo alcalde, Fernando Suárez, e polos concelleiros de Turismo, Igualdade e Medio Rural, Ana Martínez, Mariluz Álvarez e Vicente Castro.
Martínez contou que “desde as Concellarías de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio e Educación e Igualdade presentamos os IV Cantos de Taberna, que se desenvolverán o vindeiro 23 de marzo do 2019 a partir das oito da tarde, e que este ano como novidade, toman entidade propia e celebraranse fóra do Ribadeo de Tapeo, como ata o de agora viña sendo habitual”.
A edil ribadense explicou que “con isto preténdese un reforzo de actividades en meses fora de temporada estival, procurando sempre ofertar dende Ribadeo recursos desestacionalizadores que apoien ao sector servizos”.
Para os grupos interesados en participar nesta edición o prazo de inscrición estará aberto ata o 18 de marzo. As bases atópanse publicadas na páxina web do Concello e nelas recóllese, como vén sendo habitual, diversas particularidades.
Ana Martínez lembrou que “os grupos participantes estarán formados por un mínimo de 5 persoas e un máximo de 10, que irán acreditados de maneira visible. A participación no concurso estará limitada a 15 grupos. Cada grupo percorrerá o itinerario que a organización lle marque, non podendo realizar actuacións noutros locais de hostalería que non lle fosen asignados. Cada grupo dispoñerá de 30 minutos de actuación en cada local. O repertorio será de libre elección, preferentemente con temas populares e tradicionais, incluíndo algunha obra de arraigamento ribadense, que poderán variarse ao longo do percorrido. E cada grupo poderá achegar, xunto coas voces que serán obrigatorias, instrumentos musicais que os acompañen. As bases tamén indican que cada grupo disporá dun pasaporte, que selarán en cada establecemento e que será o único medio de acreditación de realizar o percorrido. Os integrantes de todos os grupos quedarán convidados a unha cea/pincheo conxunta que terá lugar ese día ao remate do mesmo”.
A inscrición nos Cantos de Taberna é gratuíta e realizarase a través de turismo@ribadeo.org ou chamando ao seguinte número de teléfono 982 128 689. Os participantes deberán achegar a ficha de solicitude dispoñible en na sede electrónica da páxina web do Concello http://www.ribadeo.gal/
En canto aos establecementos que desexen adherirse ao evento e contar con Cantos de Taberna nos seus locais deberán poñerse en contacto coa oficina de turismo de Ribadeo a través do email turismo@ribadeo.org ou o teléfono 982 128 689. O límite de prazo para recibir as inscricións será o 18 de marzo. Como en edicións anteriores os establecementos participantes deberán convidar aos integrantes dos grupos a unha consumición básica (viño corrente, cervexa, refresco ou auga).
A concelleira de Turismo e Comercio engadiu que “con esta cita o que pretendemos é dar visibilidade aos numerosos grupos que hai en Ribadeo e na comarca. Dende o Concello animamos a sumarse a esta actividades aos veciños e veciñas de toda a contorna, para participar e disfrutar dunha noite con tradición, unha boa ocasión para estar coas amizades e percorrer Ribadeo ao son da mellor música”.