Os maiores serán os protagonistas do museo de Trabada
O Concello de Trabada está a realizar un proxecto de musealización ao que vén de invitar a participar a todos os veciños e veciñas maiores de 65 anos para que conten as súas vivendas e deste xeito formar parte desta exposición a través de pequenos vídeos.
Xa hai un grupo de veciños que están a participar no proxecto e que xa fixeron as entrevistas e agora invitan ao resto a unirse para o que só será preciso chamar ao teléfono do Concello, 982 135 011.
O Concello de Trabada iniciou no 2017 o proxecto de musealización coa redacción do proxecto de rehabilitación do edificio das antigas escolas (285.714 euros). Despois de solicitar unha subvención ao Agader, que depende da Consellería do Medio Rural, a cal foi denegada, no 2018 solicitaron outra á Consellería de Medio Ambiente, a cal se tramitaba por orde de entrada, e por atoparse entre os primeiros proxectos presentados, obtiveron a subvención por importe de 272.000 euros.
As obras de rehabilitación remataron en marzo do 2019 e ese mismo ano e, con cargo ao Plan Único da Deputación, incluiuse o proxecto de urbanización do acceso ao centro etnográfico por importe de 46.350,47 euros que se executou neste ano. No 2020 solicitaron unha axuda á Consellería de Cultura por importe de 43.439 euros para levar a cabo o equipamento, dos cales lles concederon 29.972,91 euros e que acabaron de executar este mesmo mes.
Agora, segundo indica a alcaldesa, "estamos levando o cabo, con fondos propios, o proxecto museolóxico englobando o deseño expositivo e a selección das pezas, a realización de entrevistas aos veciños e veciñas de Trabada para exposición de microvideos ilustrando as formas de vida nos diferentes temas do centro, gravando, editando e producindo os vídeos, así como a aportación de imaxes para as proxeccións e para os murais por un importe de 17.771,27 euros".
"En definitiva, o camiño foi largo pero estamos a ver a luz, pois o feito de ser un proxecto que nace do pobo é a nosa maior satisfacción. Así ue agardamos que haxa máis veciñas e veciños que se animen a participar!", conclúe.