Os mércores de natureza rematarán cunha baixada polo río Sor no Vicedo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
6 Ago 2019

O Vicedo adica cada mércores á natureza con rutas que dan a coñecer e que animan a desfrutar da localidade. O mes de agosto rematará o 28 como vai comezar ás 10 horas do 7 de agosto, é dicir, cunha baixada polo río Sor en kayak.

Tanto o día 7, como o 28 de agosto, os participantes sairán en furgonetas de Actividades Estaca desde o porto local ata as ribeiras do Sor onde embarcarán nos kayaks para baixar ata O Vicedo. O prezo da actividade é de 17 euros e durará dúas horas.

O 14 de agosto, a partir das 22 horas, haberá unha ruta de sendeirismo nocturna que discurrirá pola igrexa parroquial do Vicedo, Tixoso e praia de San Román incluíndo o xacemento dos Moutillós. Son oito kilómetros en total e ao final reporanse forzas con chocolate ou refrescos en Casa Fanego. A actividade custa dous euros.

E outro mércores da natureza, o 21 de agosto, a partir das 10 horas, estará adicado a facer unha xeoruta polo entorno de Ponte Segade, a cargo do xeólogo Fran Canosa. O punto de encontro será a casa da cultura vicedente e a visita farase en coches particulares. Hai prazas limitadas polo que convén inscribirse previamente no teléfono 982.59.01.95. A actividade é gratuíta.

Tamén haberá outras actividades como a entrega de premios do concurso de fotografía que será o 8 de agosoto ás 21:00. Ademais haberá un espectáculo de maxia a cargo do Mago Teto o martes 13 de agosto ás 21:00 horas, o 18 de agosto poderase desfrutar do teatro Italytime e o 21 haberá un maratón de tenis de mesa a partir das 19:00 horas. Todas estas actividadaes serán na Casa da Cultura.

Xa por último, o día 23 ás 16:30 horas na praia da Abrela será o Concurso de Castelos de area, no que haberá premios para as categorías de infantil, xuvenil e adultos.

0.12594985961914