Os museos estrean actividades este mes de agosto

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Os museos refrescan a súa programación en agosto con Escolma Diversa e Arte Viva, proxectos culturais do estudantado en Servizos Culturais.
programacion cultural museos
27 Xul 2021

Os catro museos da Rede Provincial desenvlverán nos mes de agosto unha serie de proxectos culturais Arte Viva e Escolma Diversa.

Trátase de propostas deseñadas por Ana Riego e Javier Sánchez, estudantes do Máster en Servizo Culturais, que se imparte na Facultade de Humanidades do Campus Terra, que empregarán os diferentes espazos museísticos para poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso e iniciar a súa carreira profesional no ámbito da xestión cultural.

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, explicou que “a propostas achegan aos museos novas formas de facer comunidade con actividades que tocan o folk, a astronomía, o cinema ou o drag” e contribúen a “achegar os museos a novos públicos e dar voz a axentes culturais con olladas diversas para refrescar a institución e resignificar estes espazos”.

Arte Viva, de Ana Riego

Arte Viva pon en valor a hibridación das artes e o seu papel formativo na sociedade, creando 4 actividades guiadas por diferentes artistas locais. Implicando público de todas as idades, atoparanse gincanas literarias, obradoiros de ilustración LGBT+, charlas-obradoiro sobre cinema feminista e talleres de iniciación á astronomía. O programa que se desenvolverá será o seguinte:

O 6 de agosto desenvolverase no Museo-Fortaleza San Paio de Narla a actividade Aventura no Museo, ás 17:00 horas para público infantil.

Grandes historias literarias cobrarán vida no Museo-Fortaleza San Paio de Narla. Unha aventura para a infancia—e a familia que queira acompañala—na que as crianzas seguirán un xogo de pistas para atopar o botín dunha inxeniosa ladrona de guante branco e un antigo pirata galego.

Ilustrando o arco da vella será seguinte actividade. O 13 de agosto no Museo de Lugo ás 17:30 horas, para a mocidade e adultos.

A artista local Ana Senra guía este obradoiro LGTB+ de ilustración rápida. "Esta técnica consiste en debuxar conceptos sinxelos en curtos espazos de tempo e analizar o que nos din as nosas propias creacións. Así exploraremos os conceptos de xénero, sexualidade e relacións. Non é preciso ter experiencia previa debuxando, xa que conta o que transmitimos, non a técnica", explican.

Continuarán con Miradas á gran pantalla o 14 de agosto no Pazo de Tor, ás 17:30 h para a mocidade e adultos. A actriz galega Ana Ribet presenta esta dinámica charla-obradoiro sobre cinema feminista. Nela falará do trato recibido das personaxes femeninas, facendo un percorrido pola historia do audiovisual, dende os grandes clásicos ata as películas e series máis actuais. Seguiralle un obradoiro de escritura creativa onde compartirá ferramentas para escribir unha historia con perspectiva de xénero e identificar a presencia —ou ausencia —da mesma na séptima arte.

Pecha o ciclo Coñecendo as estrelas.  Será o 21 de agosto no Museo Provincial do Mar ás 17:00 h. Está dirixido a persoas da terceira idade. AstroXabi, o xoven divulgador científico, presenta neste obradoiro de iniciación á astronomía as constelacións e os diferentes corpos do universo que ao longo do ano podemos desfrutar no ceo galego. Ensinará como elaborar un planisferio e todas as ferramentas necesarias para dar os primeiros pasos na arte de observar o Universo.

Escolma Diversa, de Javier Sánchez

As actividades da Escolma Diversa relacionan a diversidade LGBT+ co territorio. Mediante teatro de enredo, varios Mapeos da diversidade e o espectáculo didáctico da mediática Meiga-i xunto ao Agrocuir, a Rede fai protagonista á creación de comunidades empregando e visualizando a axentes culturais diversos.

Unha das actividades será Crónica de desamor travesti. Marinita y sus maromas. Será o 4 de agosto nos xardíns do Museo de Lugo para a mocidade e adultos. É unha comedia de enredo e travestismo que trata o absurdo da sociedade, con crítica ao amor romántico e a ficción encorsetada que nos venden nos medios de comunicación. Un xogo de roles de xénero pero, ante todo, unha historia que conseguirá que morras da risa.

Marinita y sus Maromas é unha compañía de teatro, única en Galiza, que mestura historias de comedia de enredo co xénero das variedades, ofrecendo ao público interpretación, canto, danza e transformismo. O travestismo é un piar transversal das súas dramaturxias, sen ser o motor principal de conflicto das variadas personaxes.

Continuará con Mapeando a diversidade do 4 ao 13 de Agosto no Claustro do Museo de Lugo. Para mocidade e adultas. Realizarase unha dinámica para mapear a diversidade, é dicir, situar no tempo e no espazo acontecementos trascendentes para a comunidade LGBT+ galega, e poñer en valor aos seus protagonistas.

Seguirán con Saber e cantar, por Meiga-i, que será provisionalmente a última fin de semana de agosto tamén para mocidade e adultos.

Meiga-i, a drag pandetereita, presentará a dinámica Saber e Cantar. Un xogo no que convidará á audiencia a repensar os seus prexuizos sobre o folclore e a diversidade a ritmo de pandeireta. A fantasía galega feita persoa conta e interactúa co público para visibilizar as potencialidades de encontro na tradición.

0.17961883544922