Os museos provinciais presentan a súa programación de verán

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
A Rede Museística Provincial presentou no Museo de Lugo as actividades de verán, con distintos obradoiros e propostas didácticas.
presentacion porogramacion veran museos
21 Xuño 2022

A Rede Museística Provincial presentou no Museo de Lugo as actividades de verán, con distintos obradoiros e propostas didácticas arredor dos recursos e coleccións dos museos pensadas para nenas e nenos de distintas idades.

As actividades desenvolveranse nos meses de xullo e agosto, cunha axenda propia en cada un dos centros da rede -o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, San Paio de Narla e o Pazo de Tor-. Desde sesións para coñecer o traballo en escavacións arqueolóxica, dirixidas polo arqueólogo Enrique Alcorta, ata obradoiros de distintas disciplinas artísticas coa implicación de artistas locais, convivencias interxeneracionais a redor da tradición oral e viaxes aos distintos museos provincias.

Entre as actividades lúdico culturais da axenda de verán, destacan os obradoiros “Onde nacen as historias”, que procuran potenciar a creatividade e a visibilización de todo tipo de artes, e que se desenvolverán en distintas datas nos catro museos, coa participación de profesionais e artistas como Naira Ferreiros, creadora do proxecto activista de artesanía Hesaxeradas, a artesá de xoias Antonella Rodríguez, a actriz Ana Ribet e a ilustradora Cris Alborja.

As persoas participantes aprenderán a facer xoias con arcilla polimérica, crear unha historia a través da fotografía conceptual, utilizar a impresión textil vexetal, ilustrar lendas galegas, crear e representar obras de teatro ou compoñer cadros utilizando diferentes técnicas pictóricas.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “estas actividades reforzan o coñecemento e a vinculación da cidadanía cos museos, desde as primeiras idades, espertando o interese polo patrimonio e pola creación artística”. Tamén sinalou que “contribúen a ampliar a oferta cultural, especialmente para as primeiras idades nos concellos nos que se ubican os distintos museos, Lugo, Monforte, Cervo e Friol, durante os meses de verán.

Inscricións

A axenda de actividades pode consultarse na plataforma multicanle da Rede Museística Provincial, comunidadermpl.com, onde tamén se accede á solicitude de preinscrición en cada unha das actividades.

Consulta o programa no seguinte enlace

0.19320297241211