Os nacionalistas de Xermade preguntarán no Pleno pola xestión da traída de auga municipal e o arranxo de beirarrúas

TerraChaXa
Os edís nacionalistas interpelarán ao alcalde de Xermade sobre algúns asuntos de actualidade municipal coma a escaseza de auga.
10 Out 2017

Os edís nacionalistas interpelarán ao alcalde de Xermade sobre algúns asuntos de actualidade municipal coma a escaseza de auga.

Óscar González e Mar Hermida explican que "nos pasados días producíronse problemas de abastecemento de auga en varias parroquias do concello, con cortes puntuais que se alongaban varias horas durante as tardes. Como vén sendo habitual, non se notificaron os cortes de auga ás veciñas e veciños nin se lles deu ningún tipo de explicación". Neste sentido, cren necesario dar a coñecer os motivos dos cortes na traída municipal, pero tamén o estado das captacións de auga, a súa posible intercomunicación e a súa potabilidade. Igualmente, preguntan polo motivo que leva a un camión cisterna a coller auga da traída municipal.

Tamén en relación ás augas, aínda que neste caso, a residuais, indican os nacionalistas que "moito falou a alcaldía da depuradora de Momán, mais non temos coñecemento de que se levase a cabo ningunha obra". Así, interésanse polas "xestións que se fixeron para conseguir axudas para acometer a obra" e polo "motivo de que non se estea levando a cabo a depuradora".

Do mesmo xeito, interésanse polo convenio para a adquisición dun tractor con desbrozadora para o Concello de Xermade, ademais de coñecer o uso que se lle daría a este vehículo agrícola e se se mantería o tractor que se adquiría fai agora un ano ou servirá para substituír ao actual. Tamén cren González e Hermida que se debería dar a coñecer aos veciños e veciñas onde se garda a maquinaria municipal.

Beirarrúas e pintado das prazas de aparcamento
Por unha banda, indican que "se mal non lembramos, nos orzamentos de 2016 o equipo de goberno contemplaba o arranxo de varias beirarrúas do Concello e case dous anos despois seguen sen acometerse"; por iso queren saber "cando ten pensado, entón, levar a cabo as obras de arranxo de beirarrúas". Igualmente, aproveitan a ocasión para coñecer o motivo de que non se levasen a cabo se estaban orzamentadas.

Despois do arranxo da zona pública situada entre o centro de saúde e o campo de fútbol de Xermade consideramos de vital importancia o pintado das prazas de aparcamento desta zona e reservar, cando menos, dúas prazas para persoas con mobilidade reducida; os nacionalistas propoñen que "o Concello pinte coa máxima rapidez as prazas de aparcamento dos arredores do centro de saúde" e que "se reserven e se sinalicen, cando menos, dúas prazas para persoas con mobilidade reducida, unha nas inmediacións das instalacións deportivas do club de fútbol de Xermade e outra o máis próxima posible ao polideportivo municipal".

Información pública
"Ante as reiteradas queixas da veciñanza de que a información do concello estea a disposición de todo o mundo e unha vez que foi aprobada en pleno, a instancias deste grupo político, unha moción para que a información estivese dispoñible en todos os soportes posibles sen que a única opción sexa ir ás oficinas municipais", os nacionalistas solicitan que, "dunha vez por todas, se cumpran os acordos plenarios e que a información que se publica no taboleiro de anuncios das oficinas do concello estea tamén no taboleiro de anuncios da web do Concello e mais en calquera outro soporte informativo que utilice o Concello".

0.077020883560181