Os nacionalistas vivarienses ven insuficientes as medidas de seguridade na reforma da LU-161

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
16 sep 2019

Olalla Rodil, a deputada parlamentar do BNG, desprazouse até a estrada LU-161 acompañada da portavoz do BNG no concello de Viveiro, Míriam Bermúdez, entre máis membros do BNG municipal, para comprobar in situ as obras de reforzo do firme desta estrada que se están a acometer estes días pola Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galiza.

A deputada nacionalista, que levou no 2018 ao Parlamento Galego a demanda de adopción de medidas urxentes para executar as obras de mellora e acondicionamento nesta estrada autonómica, valora positiva pero totalmente insuficientes estas obras de parcheo. Tanto a portavoz municipal como a deputada do BNG, consideran que este reforzo do firme é unha actuación básica e imprescindíbel que serve como medida provisional para minimizar o grao de perigosidade e de risco, pero totalmente insuficiente esta actuación da Xunta neste vial que leva abandonado e olvidado durante máis dunha década, sendo como é unha das principais vías de conexión dos viveirenses coa Mariña Central.

Míriam Bermúdez, asegura que non ve ningún motivo para sentir orgullo como o que veu amosando o PP con estas obras de parcheo durante a campaña electoral de maio e mesmo hai uns días, e parécelle unha auténtica tomadura de pelo que o delegado da Xunta do PP intente facerlle crer á veciñanza de Viveiro que só con estas obras de reforzo do firme vaia servir esta estrada para conectarnos correctamente co interior do Mariña, cando esta estrada non conta nin con beiravías en ningunha das súas marxes, nin con gabias pavimentadas na maior parte do seu traxecto, pero sí conta con profundas e perigosas zanxas nas cales acaban caendo con frecuencia algúns vehículos, como tamén conta cunhas 55 curvas en tan só 6 kms que corresponden no municipio de Viveiro.

Olalla Rodil anuncia que o BNG seguirá esixindo á Xunta un maior investimento neste vial para desenvolver un proxecto de trazado de ampliación e mellora da estrada LU-161 que contemple, entre outros, a ampliación da calzada para dotala de beiravías, a rectificación das curvas máis perigosas, instalación de estruturas protectoras nos pasos salvacunetas, actuacións no drenaxe da plataforma vial prevendo o seu tendido e o revestimento das gabias de seguridade, todo co obxecto de que este vial se convirta nunha verdadeira estrada de conexión intracomarcal que axude a revitalizar o comercio e a economía local dos concellos que atravesa e limítrofes, ademais de aumentar a seguranza viaria e a comodidade de circulación dos seus usuarios.

0.10470223426819