Os nenos de Burela de entre 3 e 14 anos recibirán unha máscara de tea

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
24 Abr 2020

As nenas o os nenos de Burela con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos recibirán unha máscaras de tea nas súas casas nos vindeiros días, segundo ven de anunciar a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López.

A edil subliñou que “o taller popular de confección de máscaras, que coordina a Área de Servizos Sociais do Concello de Burela non para. Con 4.500 repartidas nas empresas locais para abastecer as mesmas dende a declaración de estado de alarma, o obxectivo actual son os nenos e as nenas da vila”.

Carmela López dixo que “hai 916 nenas e nenos empadroados en Burela de entre 3 e 14 anos cumpridos no día de hoxe, que recibirán unha máscara de tea no seu fogar por correo postal. O Concello mercou teas de cores, de algodón 100%, con motivos infantís e xuvenís, para a confección destas máscaras”.

A concelleira de Servizos Sociais manifestou que “xa se comezan a vender máscaras hixiénicas para menores, pero esta ten un valor sentimental engadido, xa que se trata de parte do traballo deste grupo de persoas que levan máis dun mes cosendo nas súas casas e chegarán cunha mensaxe de ánimo e de noraboa polo seu comportamento exemplar durante a situación que lles tocou vivir aos nosos pequenos”.

Carmela López agarda que lles gusten: “son máscaras feitas co corazón. Aproveito para facer un chamamento á responsabilidade por parte das familias de cara á desescalada que imos iniciar o domingo. Gocemos do paseo cos nosos pequenos, aproveitemos para ensinarlles a vivir esta nova situación coa maior normalidade posible, e inculquemos corresponsabilidade social. Eles son os que nos ensinan cada día a nós. Son uns campións”.

0.064543008804321