Os nenos serán protagonistas este ano na Feira do Queixo de Friol

TerraChaXa | LugoXa
Organizamos un taller de elaboración dos nosos queixos, coa finalidade de que a poboación infantil do municipio vexa o traballo.
feira do queixo de friol e pan de ousa7
11 Mar 2023

O domingo 26 de marzo, Friol converterase un ano máis na capital galega do Queixo e do Pan de Ousá e farano nesta ocasión como Festa de Interese Turístico de Galicia, tras obter o distintivo no mes de abril do ano pasado.

A presentación do evento terá lugar este luns pero xa se sabe que este ano e en colaboración co CPI de Friol, o Concello de Friol organiza un taller de elaboración de queixos, coa finalidade de que a poboación infantil do municipio vexa o traballo que hai detrás dun queixo artesán como o que elaboran as nosas queixeiras.

"Inculcar os mesmos valores a poboación mais nova e fundamental para a supervivencia e o futuro da Feira do Queixo e Pan de Ousá", explicou o alcalde, José Ángel Santos.

A celebración chega á súa 29ª edición e novamente volverá contar coa participación de preto de 90 queixeiras que expoñerán unhas 14.000 pezas de queixos e tamén haberá 5 panaderías de Ousá presentando os seus  produtos e cunha previsión de máis de 4.000 pezas de pan expostas.

O Queixo de Friol e o Pan de Ousá son dous produtos totalmente artesáns. Ambos están  elaborados coas mellores materias primas do municipio, e contan cun elemento  fundamental para conseguir a calidade pola que se caracterizan, que é “o cariño que as nosas  queixeiras e os nosos panadeiros e panadeiras amosan no momento da súa elaboración”, dixo Santos.

O eixo principal da Feira volverá situarse nunha grande carpa ubicada na praza Andón Cebreiro para a exposición dos produtos. Arredor da carpa instalaranse outros postos de venda dos diferentes produtos agroalimentarios do municipio. E na praza Rosalía de Castro estarán expostos produtos de diferentes sectores, como por exemplo artesanía, textil, distintos tipos de viños, sidras ou  licores.

As rúas Deputación e Santa Isabel permanecerán pechadas ao tráfico, dado que estarán destinadas á montaxe de polberías e de tendas ambulantes.

Aínda que non se coñece o contido do mesmo si adiantaron desde a organización que seguirá a liña de anos anteriores e haberá algunha sorpresa máis. Abrirá as súas portas a primeira hora da mañá e poderá visitarse durante toda a mañá, aínda que a festa non decaerá pola tarde. Non faltará a música das charangas e dun grupo folk para rematar o día ao son dunha orquestra.

elaboracion queixo friol 2
elaboracion queixo friol

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18634510040283