Os orzamentos de Xermade recollen o aumento do gasto social e a mínima suba das taxas
O Concello de Xermade contará no 2020 cun orzamento de 1.705.635 euros, un pouco menos que o ano pasado, que ascendeu a 1.711.331 euros.
Segundo explica o alcalde, Roberto García, o maior cambio con respecto ao pasado exercizo está no capítulo de gastos, concretamente no de gasto social, na partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar e á dependencia, que estivo a medrar nuns últimos tres anos dende os 430.000 euros do ano 2018 ata os 633.160 do próximo (no 2019 foi de 555.290 euros).
Como di o alcalde “o concello está a realizar un esforzo ímprovo por manter e incrementar este servizo para cubrir as necesidades da nosa envellecida poboación”. Para este capítulo vai o 36,9% do presuposto.
Aumentan tamén o pago de salarios aos funcionarios para acoller a subida que marca a lei.
Tamén hai modificacións no capítulo de infraestruturas, que se reduce para asumir o aumento do custe do SAF. Segundo explica Roberto García “temos proxectos deseñados pero estamos á espera das axudas doutras administracións”.
O alcalde afirmou tamén que se producirá un aumento do 25% das taxas de recollida de lixo e saneamento e na de suministro de auga. Aclara que a subida será pouco significativa “xa que temos uns prezos moi baixos con respecto a outros concellos”. Explica que nunha casa unifamiliar incrementarase en menos de 2 euros ao trimestre no relativo áauga e de 3 euros/trimestre no servizo de recollida de lixo.