Os pais de Baamonde reclaman por novena vez reunirse co conselleiro de Educación

TerraChaXa
A Anpa de Baamonde remitiu a novena petición ao conselleiro de Educación, para que atenda a súa petición de manter este colexio aberto.
manifestacion colexio baamonde
26 Abr 2021

A Anpa do Ceip de Baamonde remitiu onte a novena petición ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para que atenda a súa petición de manter este colexio aberto para o que esixen que os reciba e poder falar da situación.

Dende asociación afirman que "de verdade, como se fai de rogar", afirman os pais e veciños involucrados na protesta que pretende impedir o peche do centro para reunificar todos os rapaces no de Begonte. Reclaman unha reunión e unha contestación tras oito solicitudes enviadas.

Os membros da APA expoñen o seguinte:

"O pasado día 20 de abril, a prensa galega recollía as súas declaración con motivo do décimo aniversario do sistema de Contratos-Programa que aposta pola innovación e a inclusión na escola pública galega. Nas súas declaracións, vostede sinalou a intención de dar ós centros “máis autonomía para deseñar plans de mellora propios que pivoten na innovación e na inclusión”.

Esta semana tamén recibíamos todas as familias do colexio de Baamonde unha carta para participar na macroenquisa da estratexia galega de convivencia escolar. Como vostede nin responde as nosas cartas nin nos atende… nos tampouco cubriremos ningunha enquisa. Total, faríalle caso o que puxeramos? Soamente si fora co Vº Bº do alcalde de Begonte.

Como membros da Anpa do colexio de Baamonde, non podemos deixar de salientar a diferencia entre as liñas mestras da súa política educativa e o que sucede no noso pobo. Ó colexio de Baamonde non se lle amplía a súa autonomía, se lle nega ata o punto de que se lle nega a propia existencia. E non se lle deixa tomar decisión algunha, porque a decisión tomouna, pola súa conta, o alcalde. Ó que se deixa facer e desfacer sen que teña as competencias en materia de plantexamento educativo.

A Educación baséase no diálogo e, sobre todo, no sistema de preguntas e repostas. Unha dúbida do alumno xera unha pregunta; un bo mestre responde, fala, explica… Como conselleiro, vostede fala moito, pero non responde ás nosas dúbidas.

Pero nos facemos o mesmo que os mestres lle din ós nenos e nenas. “Cando non entendas algo, pregunta as veces que faga falta”. E aquí seguimos (e seguiremos, sr. Conselleiro) pedíndolle que nos reciba e que nos aclare as nosas dúbidas acerca dos proxectos do alcalde. Xa sabemos que o alcalde é do seu partido, pero os nenos e nenas de Baamonde son todos “alumnos” seus, señor conselleiro.

E se temos que pedir isto ata que academos o récord Guinness como a Anpa que máis veces ten solicitado unha entrevista, pois que lle imos facer. E xa van nove. O que non queremos e ser malos estudantes e quedar coas dúbidas do que pasa".

0.19800019264221