Os peiraos autonómicos da mariña incrementan o tráfico de madeira en bruto

TerraChaXa | AMariñaXa
Os portos de titularidade autonómica da comarca da Mariña lucense teñen consolidada a recuperación dos tráficos de madeira en bruto ao longo dos cinco primeiros meses do ano.
3 Xuño 2019

Os portos de titularidade autonómica da comarca da Mariña lucense teñen consolidada a recuperación dos tráficos de madeira en bruto ao longo dos cinco primeiros meses do ano. Así o reflicte o informe de xestión elaborado polo ente público ao peche do mes de abril.
No caso do porto de Ribadeo evidénciase de xeito destacado a recuperación do tráfico de madeira. Este peirao comercial rexistrou entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril un movemento total de mercadorías de 175.000 toneladas, das que 141.000 corresponden a pasta de papel e 20.000 a madeira en bruto, mercadorías máis destacadas.
En total, o porto de Ribadeo rexistrou unha suba interanual do 4,5% no tráfico de mercadorías nos cinco primeiros meses do ano. Esta porcentaxe sobe de xeito moi reseñable no que ao tráfico de madeira en bruto se refire. Así, o volume de tráficos de madeira en bruto en Ribadeo subiu un 150% interanual, pasando de 7.700 ao peche de abril de 2018 a 20.000  á mesma data deste ano.
A recuperación dos tráficos de madeira nos portos autonómicos non só está a ser percibida no peirao de Ribadeo, senón tamén no de Burela. Así, o porto burelés moveu nos primeiros cinco meses do ano 19.000 toneladas desta materia prima, o que supón unha suba do 135% respecto ao mesmo período do ano anterior. En termos  netos, o tráfico de madeira en Burela pasou de 8.000 a 19.000 toneladas.

0.089675188064575