Os pequenos do colexio de Román crían galiñas de Mos como parte da súa aprendizaxe

TerraChaXa
A Consellería de Educación, en colaboración coa de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, desenvolve o Plan Proxecta + Mestres Gandeiros
polos galina de mos colexio roman terra cha6
1 Xan 2023

Os resultados do programa están sendo totalmente satisfactorios, xa que o alumnado está inmerso totalmente na aprendizaxe de proceso de cría de polos, e no seu coidado.

As pequenas e pequenos do colexio Terra Chá de Román, en Vilalba, participaron este ano no Plan Proxecta + Mestres Gandeiros, que ten como obxetivo central o coñecemento da gandeiría de proximidade de Galicia. Así, en colaboración con Avimós, están a criar pitos da raza de Mos co obxectivo de convertilos en capóns, uno dos produtos típicos da contorna.

A idea xestouse o ano pasado. O colexio presentou a iniciativa a Avimós, que se puxo mans a obra e incluso adiantou a conveniencia de coñecer todo ciclo, comezando coa cría dende a incubación. Así, os pequenos tiveron os ovos na incubadora no mes de novembro durante 21 días. Tras este proceso o centro dispón de 20 polos de raza de Mós, que na actualidade están no segundo proceso de cría, mediante un espazo cerrado con calor continua, para pasar a un galiñeiro ó aire libre, que se está rematando de construír no centro educativo. Durante este proceso estase en continua coordinación con dita asociación.

Os resultados do programa están sendo totalmente satisfactorios, xa que o alumnado está inmerso totalmente na aprendizaxe de proceso de cría de polos, e no seu coidado, dando así resposta a actividades activas e partindo de contornas máis próximas, que son principios pedagóxicos destacados no artigo 16 do Decreto 155/2022 do currículum de educación primaria en Galicia.

Este proceso de aprendizaxe compleméntase coa posta en marcha dun invernadoiro, co obxectivo de que o alumnado faga cómo hábito cotiá o de cultivar productos naturais, e ver o procedemento do mesmo ata que chega o prato.

O invernadoiro e a cría de polos de Mos vai vento en popa, porque o alumnado está moi ilusionado e traballando para coidar os froitos que teñen no invernadoiro e os poliños que non paran de medrar.

AVIMÓS

A Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós) é a encargada da posta en marcha deste proxecto en Vilalba, pero non é o primeiro xa que están a traballar con colexios desde fai uns seis anos e cada vez ten máis tirón. De feito, este ano teñen todas as incubadoras ocupadas en centros escolares e os colexios están facendo as súas reservas para o próximo ano. “É unha barbaridade a cantidade de colexios que están pedindo para incubar, temos tres incubadoras e está todo reservado para este curso polo que xa estamos recibindo peticións para o que vén”, explica Francisco Monasterio, presidente de Avimós.

O obxectivo deste programa non só é dar a coñecer a raza da galiña de Mos, a única raza autóctona aviar que hai en Galicia, a súa función tamén é achegar aos pequenos o respecto e o coñecemento do rural.

“Vemos moitas veces a cara de sorpresa dos pequenos, e moitas veces tamén dos pais, cando vén nacer os polos. Sabemos que o rural estase a despoboar e para moitos deses nenos é toda unha novidade ver as galiñas tan de preto, queremos que a xente teña cariño ás nosas orixes e que sepa de onde vimos”, engade Monasterio.

0.17498683929443