Os polos de emprendemento da provincia asesoraron máis de 550 proxectos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Lugo conta con cinco Polos de emprendemento en Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos
balance-polo-emprendemento-friol
Polo de emprendemento de Friol
21 Aug 2024

Xa son máis de 550 proxectos, en diferentes etapas de desenvolvemento, os que se levan atendido a través dos cinco Polos que están abertos actualmente na provincia de Lugo: Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos. Ademais, a través desta Rede -unha iniciativa na que se presta asesoramento individualizado e gratuíto a calquera persoa que queira emprender un negocio ou consolidar o que xa ten- os técnicos e asesores de Lugo xa realizaron 1.460 titorías, tanto en liña como presenciais, coas persoas emprendedoras, das cales un 57% son mulleres.

Canto aos sectores predominantes en Lugo, destaca a hostalaría (22%), seguido do comercio (12%) e da agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (11%). Entre os proxectos atendidos, tamén figuran máis dunha trintena específicos de remuda, xa que a Rede de polos ofrece tamén un acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de transmisión de negocios en funcionamento establecidos no territorio galego para garantir a súa continuidade e evitar o peche por falta de persoas emprendedoras que os manteñan. O programa permite, deste xeito, poñer en contacto a aqueles que venden ou alugan a súa empresa, con persoas interesadas en facerse cargo dela, apostando así por un proxecto empresarial consolidado e viable e reducindo os riscos da posta en marcha dun novo negocio. Ademais, a Xunta ofrece axudas a través do Bono remuda, unha convocatoria aberta ata o 30 de outubro e dotada con 1,5 millóns de euros.

Ademais, o dinamismo dos polos de Lugo -no seu papel fundamental como vertebradores do territorio- reflíctese nas máis de 270 actividades que levan organizado, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.

Unha rede de impulso ao emprendemento

A Rede de polos forma parte tamén da aposta estratéxica do Goberno galego por apoiar iniciativas que contribúan á innovación e á vertebración do territorio, fixando poboación no rural e poñendo a disposición das persoas emprendedoras todas as ferramentas necesarias para impulsar as oportunidades de negocio e aproveitar os recursos dispoñibles.

Posta en marcha en xullo de 2022, actualmente, a Rede conta con 14 oficinas activas, espalladas por todo o territorio galego: tres na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide), cinco na provincia de Lugo (Friol, Mondoñedo, Sarria, A Fonsagrada e Monforte de Lemos); catro na provincia de Ourense (O Carballiño, Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras e Verín); e dúas na provincia de Pontevedra (Silleda e O Porriño).

Desde o inicio, no total de Galicia xa se atenderon máis de 2.300 experiencias de emprendemento, entre as que predomina o sector servizos, seguido da hostalaría e das actividades de comercio. Ademais, no conxunto das catro provincias, lévanse realizado 6.250 titorías e máis de 800 actividades.

Cómpre destacar tamén que a Rede de polos, no marco da Estratexia Retorna 2023-2026 -que, entre outros obxectivos, busca favorecer a integración sociolaboral dos descendentes que noutrora emigraron de Galicia- ofrece apoio tanto a persoas xa retornadas como a aquelas que, estando en orixe, contemplen o autoemprego como vía para o retorno, sumando así talento e capacidades ao tecido produtivo da Comunidade.

Galicia, Rexión Emprendedora 2025

Europa vén de recoñecer Galicia recentemente co premio á Rexión Emprendedora 2025, un galardón co que pon en valor as medidas innovadoras que ten en marcha o Goberno galego para potenciar a economía local e fomentar a creación de emprego de calidade, incrementando a iniciativa emprendedora na Comunidade e dinamizando o territorio ante o reto demográfico.

Entre elas, ademais da Rede de polos, destacan outras accións novidosas, como o Mapa do Emprendemento virtual -con 190 entidades xa adheridas, que integrará todos os axentes, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia- ou o proxecto piloto de coliving, en colaboración coa asociación Sende, no concello ourensán de Lobeira, para atraer nómades dixitais ao rural.

0.15898299217224