Os populares da Mariña reclaman á Deputación "discriminación e abandono" dos concellos da súa cor

TerraChaXa | AMariñaXa
Alcaldes e portavoces reclaman “unha maior implicación” do goberno provincial no ámbito turístico, na prevención e loita contra incendios forestais e na mellora da xestión dos parques de bombeiros
alcaldes-pp-con-ameijide
18 Oct 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, Clemente Iglesias e José María Fernández mantiveron unha nova reunión con alcaldes e portavoces da Mariña dando continuidade á rolda de contactos polo territorio para coñecer máis de preto as necesidades de cada Concello e as demandas dos seus veciños e veciñas.

Os populares incidiron, unha vez máis, no “trato discriminatorio do goberno provincial de PSOE e BNG” aos Concellos gobernados polo Partido Popular e os prexuízos que supón para as arcas municipais e, polo tanto, para os veciños e veciñas, que “a Deputación de Lugo non cumpra coas súas competencias como, por exemplo, o apoio aos Concellos en ámbitos como a xestión do ciclo da auga -negouse no último Pleno a colaborar en proxectos supramunicipais como o de Ribadeo e Trabada- ou a recollida de animais abandonados”.

Os deputados do PP lembran que “moitas estradas provinciais continúan agardando melloras moi necesarias” e que o goberno de PSOE e BNG tamén desatende a política industrial ao “manter paralizado o polígono industrial de Riotorto e en condicións pouco atractivas o de Ourol”. E, ademais, advirten do atraso na construción da residencia da Pontenova, das queixas de usuarios e familiares do centro de Trabada onde continúa sen prestarse o servizo de atención diúrna e da falta de avances para abrir a residencia comprometida en Ourol.

Outras das demandas que trasladan alcaldes e portavoces é “unha maior implicación” do goberno provincial no ámbito turístico mellorando accesos e boa imaxe da comarca e no ámbito da prevención e loita contra incendios forestais colaborando cos Concellos e na mellora da xestión dos parques comarcais de bombeiros. Así mesmo, cren que “a entidade provincial debería colaborar tamén na implantación de ferramentas de xestión dos Concellos e contribuír a sufragar este tipo de gastos a tódolos Concellos da provincia”.

Os alcaldes do Partido Popular fan especial fincapé no “trato desigual” con respecto a alcaldes do PSOE e do BNG toda vez que -na maioría dos casos- non foron recibidos polo presidente da institución provincial, o socialista José Tomé, “como correspondería por respecto institucional”.

En canto ao apoio económico, explican que os Concellos gobernados por PSOE e BNG, ademais dos fondos do Plan Deputación que o goberno provincial achega a tódolos Concellos da provincia obrigado por lei, reciben achegas a través de convenios a dedo que, “na maioría dos casos, supoñen duplicar a cantidade que reciben do Plan Deputación, de forma que poden realizar máis obras, prestar servizos ou, incluso, dirixir a festas ou gastos correntes, dúas finalidades que o Plan Deputación non permite.

Así, os veciños e veciñas de Concellos gobernados polo Partido Popular vénse privados de beneficiarse de máis fondos de tódolos lucenses; especialmente tendo en conta que o goberno provincial se nega a incrementar o Plan Deputación que é o único instrumento de reparto obxectivo da institución provincial impulsado grazas ao PP. De feito, “o propio Tomé dixo que non o ía incrementar para os Concellos pequenos durante os catro anos de mandato”.

⚙ Configurar cookies
0.071362018585205