Os populares da Pastoriza critican “a falta de rigor” no reparto de máscaras

TerraChaXa
Os populares da Pastoriza critican “a falta de rigor e transparencia” do goberno local en relación ao reparto de material hixiénico-sanitario no municipio da Pastoriza e condenan que “o propio alcalde recoñeza ante as nosas preguntas que non hai rexistro de saída do material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus que foi doado pola Xunta ao Concello”.
10 Ago 2020

Os populares da Pastoriza critican “a falta de rigor e transparencia” do goberno local en relación ao reparto de material hixiénico-sanitario no municipio da Pastoriza e condenan que “o propio alcalde recoñeza ante as nosas preguntas que non hai rexistro de saída do material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus que foi doado pola Xunta ao Concello”. É dicir, “continuamos descoñecendo o destino das máis de 1.600 mascarillas achegadas pola Xunta xunto a luvas, xel, traxes e batas, entre outro material de protección. Non sabemos se, finalmente, foron repartidas entre os veciños ou se foron almacenadas”.

Lamentan igualmente, por outra banda, que “os socialistas fixeran uso dun vehículo municipal e do traballo dun operario para repartir as mascarillas que, segundo din, foron adquiridas polo grupo municipal do PSOE. É vergoñento empregar recursos dunha administración pública para desenvolver unha actividade promovida por un partido político”, manifestan.

Falta de sintonía

O voceiro popular, José Bouso, asegura tamén que no debate do pleno do pasado mes de xullo “se evidenciou a falta de sintonía entre o alcalde e a tenente de alcalde pastoricense”; xa que “a nacionalista asegurou que en ningún momento foi facilitado ás áreas que dirixe o material recibido polo Concello e manifestou descoñecer en todo momento onde se atopaba ese material de prevención”.

O Grupo Municipal Popular interesouse pola mellora do rural e dirixiu ao goberno unha pregunta sobre os motivos polos que non foron solicitadas as axudas para a mellora de infraestruturas turísticas no rural do noso concello convocadas pola Xunta de Galicia. “O desinterese do grupo socialista pastoricense polo noso rural quedou tamén demostrado coa súa resposta na que manifestaron non saber desta axuda. É dicir, nin sequera saben se foi presentada ou non e aprazaron ao vindeiro pleno dar explicacións”.

0.19114112854004