Os populares de Burela consideran que os Orzamentos para 2019 incumpren o Plan Estratéxico de Subvencións

TerraChaXa | AMariñaXa
O Grupo Municipal Popular de Burela vén de presentar un escrito de alegacións aos Orzamentos do Concello para o presente ano 2019, xa que “os Orzamentos incumpren o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) 2017-2019 no referido á presente anualidade.
14 Xan 2019

O Grupo Municipal Popular de Burela vén de presentar un escrito de alegacións aos Orzamentos do Concello para o presente ano 2019, xa que “os Orzamentos incumpren o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) 2017-2019 no referido á presente anualidade. O PES foi aprobado o 28 de abril de 2017 coa abstención do Grupo Municipal Popular”.
Os edís populares sinalan que “no PES contemplábase a contía de 180.150 euros (excluída a aportación para a Fundación EXPOMAR) para a presente anualidade 2019, cando a contía dedicada nos Orzamentos 2019 é de 155.800 euros, un 13’51% menos. Compre lembrar que a variación dos Orzamentos para o 2019 con respecto a 2018 é de -0’19% e con respecto aos de 2017 é de +0’0018%”.
Desde o Grupo Popular do Concello de Burela sinalan como “impresentable” a diminución na partida de  Servizos Sociais, xa que os importes das subvencións pasan dos 41.500 euros previstos no PES para 2019 a 25.200 euros nos orzamentos 2019. 16.300 euros menos, o que significan unha rebaixa do 39’27%.
“Dentro deses 25.200 euros, os fondos dedicados a servizos sociais ou emerxencia social pasan dos 34.000 euros previstos no PES para 2019 a 17.500 euros nos orzamentos 2019, cando na anualidade 2019 do PES eran de 34.000 euros, o que significa unha redución de practicamente o 50%, e demostra o desprezo do alcalde e do seu equipo cara ás familias e persoas máis necesitadas. O resto, 7.700 euros, van dedicados a subvencións a asociacións, que haberá que ver cómo se convocan e con qué criterios se adxudican”.
Dentro da área de gasto de Servizos Sociais, desaparecen as axudas para axuda escolar de libros (2.500 euros) e microrrelatos (1.000 euros, que se convocaban con motivo do Día contra da Violencia de Xénero). Para os populares, “é especialmente grave que estas dúas contías, de por si baixas, desaparezan, porque demostran o nulo interese do alcalde e do seu goberno en materia de axuda á escolarización dos nenos e nenas máis necesitados e en materia de loita contra da violencia de xénero. Lembremos a este respecto que o alcalde suprimiu as delegacións municipais de Muller e Igualdade logo da dimisión de Patricia Otero, cando ten tres mulleres no equipo de goberno. Llano cárgase as axudas para material escolar e deixa moi mermadas as axudas para emerxencia social”.
Polo tanto, os populares consideran que “é evidente que estamos ante un incumprimento máis do alcalde, neste caso dun documento que el mesmo e o seu grupo elaboraron e levaron a pleno e o someteron a votación. Qué podemos pensar dun alcalde que incumpre o que el mesmo elabora e aproba? Só nos queda pensar que engana e minte. E neste caso, é especialmente grave porque significa unha caída importante na contía dedicada a subvencións, cando vemos cómo se destinan cartos de todos a pagar máis neste ano 2019 polo servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, nun procedemento cheo de sombras e co alcalde pendente de dar explicacións da subida de aproximadamente 110.000 euros/ano que vai supoñer”.

0.098412990570068