Os populares de Burela levan ao Pleno a mellora da sanidade pública

TerraChaXa | AMariñaXa
O Grupo Municipal do PP de Burela defendeu no pleno do Concello, ante as mocións sobre sanidade pública e atención pediátrica presentadas polo BNG ás que presentou emendas de substitución, “o mantemento e mellora da atención que se está a dar na sanidade pública galega, que actualmente é recoñecida como das mellores que se presta en España.
8 Feb 2019

O Grupo Municipal do PP de Burela defendeu no pleno do Concello, ante as mocións sobre sanidade pública e atención pediátrica presentadas polo BNG ás que presentou emendas de substitución, “o mantemento e mellora da atención que se está a dar na sanidade pública galega, que actualmente é recoñecida como das mellores que se presta en España. Nese senso, rexeitan o catastrofismo do BNG e do PSOE que nos catro anos da Xunta bipartita nada fixeron por mellorar a atención sanitaria na Mariña e moito menos por mellorar e ampliar o Hospital da Costa”.
Deste xeito, os populares consideran que “debe darse unha atención pediátrica constante e permanente en todos os centros de saúde, incluído, por suposto, o de Burela, e tamén no servizo de urxencias do Hospital da Costa. Pero para iso é preciso ampliar as prazas MIR de pediatría que é competencia do Goberno do Estado, algo que BNG e PSOE esquecen nas súas mocións”.
No que se refire á praza de logopeda do Centro de Atención Temperá, “no seu día xa presentamos unha moción para que a Xunta manteña e mesmo incremente a subvención que lle dá ao Concello de Burela para esa praza, e que o Concello garanta a praza cuberta durante todo o ano, pero temos que lembrar que o PSOE burelés se opuxo. Non é normal que o PSOE lle pida agora á Xunta garantir a praza de logopedia cando hai tres ou catro meses votaron en contra”.
Desde o Grupo Municipal Popular reiteran que “a Xunta debe continuar coa construción de novos hospitais e centros de saúde e ampliar e mellorar os xa existentes, algo do que se esquecen BNG e PSOE. E tamén con Ofertas Públicas de Emprego para garantir a estabilidade laboral do persoal estrutural do SERGAS ao cen por cen canto antes; así coma empregar todos os recursos legais para continuar reducindo as listas de agarda. Pero temos que lembrar que para ter máis médicos hai que convocar máis prazas MIR e iso depende do Goberno do Estado e, polo tanto, da vontade dos socialistas. Esta petición, por certo, foi xa trasladada pola Xunta formalmente ao Ministerio de Sanidade nunha recente reunión que mantiveron o conselleiro e a ministra”.
Ademais, os populares cren que “os PACs deben manterse e mellorar a súa dotación humana e material en lugar do que a Xunta bipartita pretendía, que era eliminalos”. Polo tanto, “nin PSOE nin BNG están lexitimados para facer ningunha demanda porque o investimento en Burela na época do bipartito na Xunta foi de 0 euros”.
Finalmente, engaden que teñen a convicción de que “a Xunta está estudando a viabilidade de dotar de fisioterapeuta ao Centro de Saúde de Burela”.

0.12156200408936