Os populares de Burela queixanse dos problemas na limpeza e lixo da vila

TerraChaXa | AMariñaXa
O Grupo Municipal do PP burelés acusou a Alfredo Llano e Ramiro Fernández de “mirar para outro lado e non querer ver os serios problemas que están a presentar os servizos de recollida de lixo e limpeza viaria, tanto no referido á propia prestación do servizo coma no referido á política de persoal da concesionaria do servizo”.
31 Jan 2019

O Grupo Municipal do PP burelés acusou a Alfredo Llano e Ramiro Fernández de “mirar para outro lado e non querer ver os serios problemas que están a presentar os servizos de recollida de lixo e limpeza viaria, tanto no referido á propia prestación do servizo coma no referido á política de persoal da concesionaria do servizo”.
Os populares aseguran que “a día de hoxe hai colectores de papel e cartón cheos que non se baleiran dende primeiros de ano. Hai zonas que quedan durante días sen barrer. Só se limparon uns poucos sumidoiros a mediados de setembro e dende aquela non se limpou ningún  co risco que iso representa en caso de choivas torrenciais. Os desbroces só se fan puntualmente e non coa periodicidade marcada nos pregos. Os baldeos fanse exclusivamente en Arcadio Pardiñas e nas prazas de A Mariña e do Concello, pero en ningunha zona máis. Hai unhas semanas o punto limpo estivo pechado dous sábados. Os colectores amarelos están a cotío a rebentar e en multitude de ocasións só se baleiran unha vez á semana. En definitiva, un auténtico desastre”.
Desde o Grupo Municipal Popular afirman que “a política de persoal da concesionaria non ten mudado, a pesares das denuncias deste grupo político, por culpa de Llano e Fernández Rey: a día de hoxe hai catro traballadores de baixa e tres de vacacións dun total de dezaseis traballadores e só se contrataron dúas persoas para cubrir eses sete postos. Así, é materialmente imposible que o servizo estea debidamente cuberto. Por outra banda, a concesionaria comunicoulles aos traballadores a mediados de decembro que non se pagarían máis horas extras co que o servizo aínda empeorou  máis. Con este caos e con este persoal tan reducido, os traballadores non saben hoxe o traballo que terán que facer mañá. E todo isto, co beneplácito de Llano e Fernández Rey”.
Pero os edís do PP tamén aseguran que “as baixas que non se cobren tradúcense en cartos que aforra a concesionaria, pero que entendemos que non desconta nas facturas que lle pasa ao Concello. Polo tanto, estariamos a pagar coma se a plantilla estivese ao cen por cen e os servizos se estivesen a facer de acordo cos pregos de condicións e os contratos”.
“Non sabemos que intereses moven ao Sr. Llano e ao Sr. Fernández Rey a non tomar cartas no asunto e non querer ver o que todos vemos, agás eles. Cos cartos de todos non se xoga. E pagar por servizos que pode que non se estean a facer, non sería nin lóxico nin explicable”, rematan os populares.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17436814308167