Os populares de Guitiriz reiteran o seu desacordo coa ubicación da residencia de maiores na Casa da Botica

TerraChaXa
O voceiro do PP en Guitiriz, Xosé María Teixido, aclara que “os populares non estamos en contra da residencia da terceira idade, estamos en contra da ubicación que o Goberno local defende na coñecida como Casa da Botica”.
14 Dec 2018

O voceiro do PP en Guitiriz, Xosé María Teixido, aclara que “os populares non estamos en contra da residencia da terceira idade, estamos en contra da ubicación que o Goberno local defende na coñecida como Casa da Botica”.

O Grupo Municipal Popular guitiricense xa se ten manifestado en contra da construción dunha residencia para a terceira idade “nun edificio antigo con limitacións de espazo e problemas para a adecuación de saídas de emerxencia por estar situado en pleno centro do núcleo urbano e mesmo próximo a unha discoteca”. A este respecto, Teixido asegura que “nós defendemos unhas instalacións amplas, con prazas suficientes e nun emprazamento que lles ofreza aos usuarios maior tranquilidade. Noutros concellos téñense emprazado noutras zonas”, engade.

Lamenta tamén o popular que “o proxecto para o que o Concello ten asinado un convenio coa Deputación Provincial sexa para unha residencia de maiores independentes e non recolla as necesidades para a atención das persoas con dependencia”.

“Se á falta de prazas para persoas dependentes lle engadimos os altos prezos que deberán pagar os usuarios deste centro residencial, decatámonos que esta infraestrutura non está pensada para os guitiricenses. A maior parte dos veciños e veciñas de Guitiriz que poidan usar esa residencia non dispoñen dos 1.300 euros, aproximadamente, que costará a estancia dunha persoa”, afirma Teixido.

Convenio coa Deputación

Xa no pleno do mes de xullo o grupo municipal Popular ten advertido da redución do importe das achegas da Deputación Provincial do novo convenio que se presentaba ante a Corporación Municipal e que finalmente foi aprobado e, posteriormente, asinado.

Os populares xa manifestaran a súa sorpresa porque “a achega da Deputación se ve reducida en 200.000 euros con respecto á establecida no anterior convenio asinado no 2011 e que recollía tamén outros beneficios para o Concello en relación á xestión da residencia, xa que correría a cargo de SUPLUSA”.

Así, coa presentación dunha addenda ao convenio asinado, demóstrase “a falta de orzamento contemplado no convenio para a construción da residencia tras reducir a achega da Deputación”. Tendo en conta que o presuposto base de licitación ascende a 1.677.011,21 euros, a Deputación acepta achegar na anualidade do 2020 os 477.011,21 euros que non contemplara previamente.

Mentiras

O anuncio de que a residencia ten que estar feita antes do 31 de maio do vindeiro ano responde para o voceiro popular “máis a unha promesa dunha campaña electoral que a unha previsión real”. Así o demostra o feito de que “a Deputación contemple unha partida para o 2020 e o propio proxecto fixe un prazo de execución de 12 meses que, engadidos aos trámites de licitación, adxudicación e comeza da obra; supón o retraso do proxecto ata o 2020”. Polo tanto, “a alcaldesa volveunos mentir”, apunta Teixido.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1485390663147